Os clientes do CCA de Sarria escollen o seu comercio favorito coa campaña ‘Máis que comercio!’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSarria
A-
A+

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, presentou hoxe en Sarria a campaña de dinamización comercial Centros Comerciais Abertos. Máis que comercio!, que se desenvolverá en xullo no centro comercial aberto da localidade, e que busca impulsar as vendas do comercio de proximidade premiando a confianza dos seus clientes.

As persoas que merquen nos comercios asociados ao CCA recibirán durante todo o mes un cupón por cada 5€ de compra, o que lles permitirá participar nun xogo en liña na web www.maisquecomercio.com. Nesta páxina, votando ao seu establecemento favorito, poderán optar a unha tarxeta regalo de 200 euros e dúas de 100 en cada CCA para mercar no comercio local, así como a diferentes agasallos, como vales de compra e diferentes produtos achegados polos propios comerciantes. Ao remate do mes, o establecemento seleccionado polos clientes que participen na iniciativa recibirá un recoñecemento público ao seu labor.

A iniciativa da Consellería de Economía e Industria Centros Comerciais Abertos. Máis que Comercio! percorre os diferentes centros comerciais abertos de Galicia durante todo o ano, co obxectivo de resaltar os valores do comercio de proximidade como a calidade, o trato ao cliente, a diferenciación e a variedade.

Ao mesmo tempo, tal e como sinalou a directora xeral de Comercio, que estivo acompañada por responsables do CCA, destácase o traballo que desenvolven os centros comerciais abertos, unha fórmula que permite, desde o asociacionismo, o desenvolvemento de estratexias comerciais e a prestación de servizos de forma conxunta no pequeno comercio para mellorar a súa competitividade.

Lembrou Vázquez Abeal que o impulso ao asocionismo é un dos eixos da estratexia específica da Consellería de Economía e Industria de apoio ao comercio de proximidade, dentro da cal vén de resolverse o programa de axudas ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos, nas cales o CCA de Sarria resultou beneficiado con apoios por máis de 22.000 euros, correspondendo tamén preto de 3.000 euros á asociación de praceiros local.
 

30 de xuño de 2014 | 17:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.