Os campamentos de verán que organiza o Concello da Laracha comezarán a desenvolverse o luns
Os campamentos de verán que, como cada ano, organiza o Concello da Laracha no marco do programa de actividades de verán comezarán a desenvolverse o luns co inicio da primeira quenda, na que participarán cincuenta nenos de idades comprendidas entre os oito e os once anos.
Durante cinco días, de luns a venres, os rapaces convivirán con compañeiros do seu mesmo grupo de idade e realizarán divertidas actividades deportivas, culturais e educativas que se desenvolverán, a maioría delas, na vila de Caión, tanto na praia como en instalacións municipais. O programa inclúe unha escola de surf, aeróbic, xogos na praia, olimpiadas, ruta de sendeirismo e tamén dúas saídas ao parque acuático de Cerceda e á localidade de Porto de Mouros para realizar unha xornada multiaventura.
Cada día o autobús cos rapaces e monitores sairá da praza do Concello ás 10.00 horas e regresará en torno ás 18.00 horas. O Concello asume os custos do transporte, o xantar (que se realizará no centro sociocultural da Ínua) e todas as actividades que se leven a cabo no termo municipal da Laracha.
Todos os anos o Concello aposta por celebrar estes campamentos de verán aproveitando as instalacións municipais existentes en Caión e as características da vila, que permiten organizar un amplo abano de actividades nesta época do ano. Ademais de ofrecer ao nenos a posibilidade de divertirse practicando deporte e realizando actividades de tipo educativo, deportivo e cultural, os campamentos son tamén unha importante axuda para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar dos seus pais durante as vacacións de verán.
Os datos de participación son a mostra evidente do éxito desta iniciativa municipal. Xa están cubertas as cincuenta prazas ofertadas para a primeira quenda. Para a segunda, que se vai realizar na semana seguinte (do 7 ao 11 de xullo) e que vai dirixida a rapaces de doce a quince anos, as prazas aínda dispoñibles outorgaranse por orde de inscrición.
Os campamentos de Caión abren o programa de actividades de verán que organiza o Concello da Laracha. O prazo para anotarse continúa aberto nas outras disciplinas que se ofertan. Hai propostas especialmente dirixidas aos nenos para case todos os días laborables dos meses de xullo e agosto.











