Os Bolechas visitan o Carballiño
O programa de dinamización lingüística FalaRedes, organizado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, presenta a actividade Os Bolechas e o Sabichón, que chegará ao Carballiño este próximo domingo, 15 de xuño, ás 18:00 horas nel auditorio da vila, con entrada gratuíta.
Tras botar man da música co concerto TocToc e do teatro coa obra As fabas máxicas para achegar o público familiar ao galego de maneira lúdica e divertida, a terceira edición de FalaRedes amplía a súa programación cun espectáculo protagonizado polos famosos personaxes creados por Pepe Carreiro, que fará as delicias dos pequenos de 4 a 8 anos do Carballiño e das súas familias.
A maiores de promover o uso da lingua de Galicia, como busca o programa de dinamización con propostas de lecer de calidade no noso idioma, Os Bolechas e o Sabichón tamén ten a súa parte didáctica, xa que a actividade simula un concurso no que tanto os irmáns Bolechas como os nenos e nenas asistentes deberán demostrar os seus coñecementos e habilidades lingüísticas.











