publicidade hoxe

‘Os bolechas e o sabichón’ e ‘As fabas máxicas’ visitan sete concellos con ‘FalaRedes 2014’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaBandeBarroCastrelo de MiñoLalínO CarballiñoOurensePontevedraTui
A-
A+

As actividades de dinamización lingüística Os Bolechas e o Sabichón e As fabas máxicas chegan esta semana a catro vilas pontevedresas e a tres ourensás da man do programa FalaRedes 2014, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O concurso infantil protagonizado pola familia Bolechas fará parada mañá xoves en Barro, ás 19:00 horas no salón de actos da Biblioteca Pública; o venres na Estrada, ás 19:00 horas no Teatro Principal; e o sábado en Bande, ás 19:30 horas no salón de actos do Concello. Xa o domingo, terá unha dobre cita coa xente miúda de Castrelo de Miño e do Carballiño, ás 13:00 horas no Club Náutico e ás 18:00 horas no Auditorio Municipal, respectivamente.

Pola súa banda, Caramuxo Teatro presentará a nova versión do coñecido conto infantil Xan e as fabas máxicas o sábado Tui, que acollerá un pase ás 12:30 horas no Edificio Área Panorámica, e o domingo a Lalín, cunha función ás 18:00 horas no Auditorio Municipal.

As dúas propostas de lecer en galego destinadas ao público familiar continúan así coas súas respectivas xiras que, no marco do FalaRedes 2014, as levará en exclusiva a un total de 79 concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüistica (RDL) da Xunta de Galicia. Ata finais de ano, o programa reforzará a oferta de ocio da totalidade de vilas da RDL con 150 propostas de dinamización lingüística.

Coma sempre en FalaRedes, a entrada a estes espectáculos é libre e gratuíta ata completar a capacidade das salas nas que se desenvolven.

Lecer en galego para nenos e nenas a partir de 4 anos

Os Bolechas e o Sabichón fai as delicidas dos cativos e cativas de 4 a 8 anos, mentres que As fabas máxicas está destinada á xente miúda a partir dos 4 anos de idade, valéndose nos dous espectáculos de simpáticos monicreques que fomentan o galego entre o público familiar de xeito lúdico e divertido.

No concurso-teatro, os irmáns Braulio e Loli Bolechas enfróntanse como líderes de senllos equipos e piden ao público que lles axude a venceren, de forma que os nenos e nenas demostran as súas habilidades lingüísticas e aprenden novas palabras en galego da man dos seus personaxes favoritos, todo un referente positivo para eles estreitamente asociado á nosa lingua.

Coa peza teatral, a cativada achégase ao teatro no idioma propio de Galicia por medio dunha obra na que o protagonista, Xan, conquista desde o primeiro momento o público familiar coas sorprendentes aventuras que viviu durante a súa infancia.

Próximas paradas

Tras as actuacións desta semana, os Bolechas visitarán co Sabichón, o xa famoso presentador do concurso, as localidades de Padrón, Vilamarín, Ourense, San Cristovo de Cea, Negreira Cee, Carnota e Muxía. No mes de xullo, revolucionará a xente miúda de Caldas de Reis, Vila de Cruces, Guntín, Abegondo, A Cañiza, Celanova, Rois, Outeiro de Rei, Castro de Rei e Quiroga.

Tamén a proposta de Caramuxo Teatro continuará co seu itinerario polos concellos da RDL, facendo parada proximamente en Ponteceso, A Veiga, Cee e Pontedeume.

Máis información sobre FalaRedes 2014 no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2014 e nas redes sociais.

11 de xuño de 2014 | 14:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.