Os alumnos de primaria do Ceip Otero Pedrayo visitaron o Concello da Laracha

Visita dos escolares ao Concello de Laracha
Os 52 alumnos que cursan os seus estudos de primeiro de primaria no CEIP Otero Pedrayo da Laracha visitaron esta mañá a Casa do Concello nunha actividade educativa complementaria organizada pola concellería de ensino e o persoal docente do colexio.
Os rapaces, acompañados por catro mestres, coñeceron as diferentes dependencias municipais. O alcalde, José Manuel López Varela, fixo de guía deste percorrido que levou aos nenos, entre outros lugares, polo despacho da Alcaldía, o balcón da Casa do Concello e tamén o salón de plenos, onde os rapaces formularon varias preguntas ao rexedor municipal relacionadas coa súa labor diaria no Concello.
López Varela mostroulles como é e que significa o bastón de mando e explicoulles que o salón de plenos, ao ser unha estancia na que se toman acordos institucionais, está presidido por catro bandeiras (Concello da Laracha, Xunta de Galicia, España e Unión Europea) e por un cadro coa imaxe do rei Juan Carlos I “que en poucos días teremos que cambiar pola de Felipe VI”, dixo o alcalde.
A actividade que se realizou hoxe tiña por finalidade que os alumnos puidesen coñecer como é o traballo dos profesionais que desempeñan a súa labor diaria no Concello da Laracha. Así, unha vez rematado o encontro no salón de plenos, os nenos reuníronse cun axente da Policía Local, que lles permitiu subirse a un dos seus vehículos e tamén a outro de Protección Civil para probar as sereas e altofalantes.
Durante toda a visita os representantes políticos, traballadores do Concello e da Policía Local mostráronse moi próximos aos rapaces, que disfrutaron dunha xornada lectiva diferente, entretida e, sobre todo, educativa.











