Os alumnos da Aula de Música de Oroso ofrecen dous concertos gratuítos en Sigüeiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+

Os alumnos e alumnas da Aula de Música de Oroso ofrecerán este xoves e venres pola tarde en Sigüeiro dous concertos gratuítos co gallo da fin do curso 2013-2014. Dúas iniciativas que este ano fuxirán da simple actuación individual de cada alumno/a e que buscarán ser moito máis atractivos ao público a través de actuacións grupais. En ambos casos, a asistencia é totalmente libre e de balde.

O primeiro dos concertos terá lugar mañá xoves 26 de xuño, ás 19:00 horas, no exterior da piscina municipal de Sigüeiro a cargo dos Combos da Aula de Música de Oroso, tres grupos musicais conformados por mozos e mozas do municipio de entre 17 e 21 anos. O director da Aula de Música de Oroso, Juan Salgueiro, explica que “os asistentes poderán disfrutar dunha selección de temas de pop, rock e jazz ao longo de aproximadamente unha hora”. En caso de choiva, a actuación terá lugar no centro cultural de Sigüeiro.

O segundo concerto terá lugar o venres 27 de xuño, tamén ás 19:00 horas, no auditorio do centro cultural de Sigüeiro. Este concerto estará protagonizado por todos os nenos e nenas da Aula de Música de Oroso, que farán actuacións individuais, cos seus mestres e, sobre todo, actuacións grupais ben no coro, ben na orquestra infantil. “A medio prazo queremos que estes concertos sexan unhas actuacións atractivas non só para os pais e nais dos nosos alumnos, senón que atraia tamén ao público en xeral”, apunta Juan Salgueiro, “por iso imos apostar por actuacións grupais, que son moito máis interesantes para o público e nas que poderemos disfrutar dun repertorio clásico con algúns tintes folk, tanto galego coma irlandés”,

25 de xuño de 2014 | 19:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.