Un total de 12 programas integrados de emprego da provincia da Coruña beneficiarán a máis de 1.000 persoas

Beatriz Mato na presentación dos obradoiros
Máis de 1.000 persoas desempregadas beneficiaranse dos 12 programas integrados de emprego que a Consellería de Traballo e Benestar subvencionará na provincia da Coruña entre este ano e o próximo.
Así o anunciou hoxe a titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, nunha rolda de prensa na que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta, Belén do Campo. En total, estas 12 iniciativas suporán un investimento por parte do Goberno galego de 1,6 millóns de euros, o que supón o 54 por cento do orzamento total destinado a este fin para toda Galicia.
En concreto, serán un total de 28 os concellos que resultarán beneficiarios destes proxectos, ben de xeito individual ou ben formando parte de diversas agrupacións.
Así, haberá cinco concellos que disporán dun programa propio: A Coruña, Ferrol, Santiago, Arteixo e Sada. Por outra banda, concedéronse 6 programas a agrupacións de entidades locais (formadas por 20 localidades) que se constituíron especificamente para a executar estas iniciativas: Cerceda e Tordoia; Ames e Brión; Dodro, Padrón e Rois; Betanzos, Coirós e Paderne; O Pino, Boqueixón, Frades e Vedra; e Cabanas, Fene, Mugardos, Neda, Pontedeume e Ares. Xa por último, concedeuse tamén un programa á Mancomunidade dos concellos da comarca de Ferrol, que está formada por 9 concellos: Ferrol, Cabanas, Fene, Mugardos, Neda, Valdoviño, Narón, Ares e Cedeira. Cabe destacar que algún concello pode participar nunha agrupación beneficiaria, e tamén na mancomunidade que executará outro programa, por exemplo.
O número de participantes en cada un destes proxectos oscila entre os 60 –que a orde marca como mínimo- e os 174 do programa de Cabanas, Fene, Mugardos, Neda, Pontedeume e Ares.
O obxectivo último destas iniciativas é acadar a inserción laboral dos desempregados que tomen parte nos mesmos. O mínimo que deben marcar cada un deles é do 35 por cento, aínda que se valoraron positivamente aqueles que se comprometeron a unha porcentaxe maior. Por exemplo, o proxecto do concello da Coruña recolle un compromiso do 50 por cento, o máis alto de toda a comunidade autónoma, xunto con Redondela e a Mancomunidade do Salnés.
En total, en Galicia poranse en marcha nas próximas semanas 22 programas integrados destinados aos concellos, cun investimento total de 3 millóns de euros e 1.742 beneficiarios. A isto hai que engadirlle a resolución dos programas integrados destinados a entidades de iniciativa social, que contarán con 2,5 millóns de euros.
Deste xeito, estas iniciativas contarán cun orzamento total de 5,5 millóns de euros en 2014, o que supón un aumento do 117 por cento con respecto ao ano pasado.
Itinerarios integrados e individuais
Segundo explicou Mato, a “gran vantaxe” destes proxectos é que deseñan un itinerario integral e individual para os participantes, nos que se combinan diversas actuacións: información, orientación, formación, asesoramento, intermediación con empresas, prácticas ou inserción.
Dentro destas actuacións, a formación é “un factor clave”. Así, nos programas inclúense dous tipos: as especializadas, que preparan ao alumnado para un traballo en concreto; e as transversais, que ofrecen competencias “moi útiles” como a elaboración do currículo, a informática ou o autoemprego.
Os destinatarios dos programas integrados son aquelas persoas con maiores dificultades para acceder a un posto de traballo. Por iso, os participantes deberán formar parte dalgún dos seguintes colectivos: persoas con discapacidade; en risco de exclusión; mulleres, especialmente se teñen sido vítimas de violencia; menores de 30 con baixa cualificación; desempregados de larga duración; persoas inmigrantes; e desempregados como consecuencia dun ERE de extinción.
A conselleira salientou tamén que outra vantaxe asociada a estas iniciativas é que permiten ampliar o espazo de colaboración entre Xunta e concellos. Ao respecto, lembrou que esta cooperación entre ambas administracións desenvólvese a través doutras ordes.
Citou, como exemplo, os obradoiros de emprego, que serán 15 na provincia con 315 alumnos e un orzamento de 2,8 millóns de euros; o novo programa de contratación de perceptores de RISGA nos concellos, cun investimento de 3 millóns para toda Galicia; e os contratos de formación e aprendizaxe, que se abren agora ás entidades locais, grazas a unha ampliación do seu orzamento de 3 millóns, ata chegar aos 4,1 que se destinan a toda a comunidade autónoma.











