Oroso solicita o mantemento da parada do transporte metropolitano na Avenida da Grabanxa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+

O Concello de Oroso solicítalle á Dirección Xeral de Mobilidade o mantemento da parada de transporte metropolitano existente na Avenida da Grabanxa tanto por razóns de interese público como económicas. “Entendemos que o cambio na situación da parada é contraria ao interese público e prexudica aos usuarios da liña de transporte público entre Sigüeiro e Oza dos Ríos, xa que suporía un maior desprazamento dos usuarios de Sigüeiro ata a parada proposta”, xustifica o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, no escrito de alegacións ao expediente de modificación das condicións de explotación do contrato de transporte regular de viaxeiros Santiago de Compostela-Oza dos Ríos, que está a tramitar a Dirección Xeral de Mobilidade.

Manuel Mirás lembra, ademais, que “a substitución da parada conlevaría un prexuízo económico ao Concello de Oroso derivado do cambio de lugar da marquesiña xa existente”. De feito, anteriormente xa se cambiara o lugar da parada, inicialmente emprazada na praza da Foca ata o número 9-11 da Avenida da Grabanxa. O alcalde orosán entende que “neste punto físico cúmprense de xeito adecuado as necesidades dos usuarios con respecto aos servizos existentes na súa contorna” e rexeita a pretensión da Dirección Xeral de Mobilidade de trasladar a parada aos números 25-27 da avenida da Grabanxa.

Demanda histórica

Deste xeito, o Concello de Oroso segue mantendo a mesma postura de hai anos, en defensa do incremento de frecuencias para os veciños e veciñas de Oroso, e que mesmo foi refrendada polo Pleno Municipal na sesión de xullo de 2013. Xa daquela, tanto o Grupo de Goberno como BNG e Partido Galeguista denunciaran que Mombús non cumpría coas frecuencias establecidas, que a Autos Grabanxa non se lle permitía coller pasaxeiros nin na N-550 nin cruzado o Tambre e se solicitaba a ampliación do servizo de transporte metropolitano ata Ordes (o PP orosán xustificara a súa abstención en que non se poden alterar as condicións das concesións ás empresas e en que terían que adaptarse os veciños ao horario do autobús, non ao revés). Tres peticións que non foron atendidas case un ano despois.

A Dirección Xeral de Mobilidade comunicou a principios deste mes de xuño que está a tramitar un expediente de modificación das condicións de explotación do contrato de xestión do servizo público de transporte regular Santiago de Compostela-Oza dos Ríos (con anexos) do que é contratista a empresa Autos Grabanxa SL. Un expediente iniciado a raíz de que outro contratista, neste caso Castromil SA (Grupo Mombús), denunciara que posúe o dereito a prestar con exclusividade os tráficos entre Sigüeiro e Santiago.

Porén, a propia Dirección Xeral de Mobilidade recoñece que “a evolución urbanística recente no núcleo urbano de Sigüeiro o levou a superar sobradamente a contorna orixinaria que posuía no momento do outorgamento daqueles contratos”. Por iso, a súa proposta variou respecto a anos anteriores, no que esixía a eliminación da parada, e agora propón autorizar unha parada nas proximidades dos números 25-27 da Avenida da Grabanxa, na entrada de Sigüeiro dende a CP-3801.

Longo proceso

A situación desta parada do transporte metropolitano vén sendo problema de enfrontamento entre as empresas Castromil-Mombús e Autos Grabanxa SL dende hai máis de sete anos pola exclusividade das súas concesións. Castromil-Mombús defende que esta empresa dispón do servizo de transporte de viaxeiros ao longo da N-550 e en exclusiva dende Sigüeiro e Santiago. Pola súa banda, Autos Grabanxa defende que na praza da Foca sempre tivo unha parada en réxime de exclusividade e que é a única empresa que fai o traxecto entre a N-550 e Oza dos Ríos, sen ningunha prohibición de tráfico neste tramo.

Neste sentido, compre dicir que a actual parada está situada no número 9-11 da avenida da Grabanxa (CP-3801) e que o Concello de Oroso sempre defendeu a necesidade de dispoñer de máis frecuencias de unión coa capital de Galicia, polo que sempre defendeu a coexistencia de ambas liñas.

18 de xuño de 2014 | 18:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.