Oroso distinguirá aos mellores deportistas e ás promesas dos 15 clubs do municipio
O Concello de Oroso celebrará o venres 20 de xuño, ás 20:00 horas, o I Día do Deporte de Oroso, no que distinguirá aos mellores deportivas e ás promesas máis destacadas dos quince clubs deportivos do municipio: Itf Taekwondo Oroso, Club Xadrez Oroso, Oroso Tenis de Mesa, Ximnasia Rítmica, Club de Béisbol Leones, Club Patín Oroso, Oroso Fútbol Sala, ED Xuventude Oroso, Sigüeiro FC, SD Deixebre, Oroso Motor Sport, Club Deportivo Alecrín, club ciclista Tambre Bike, Club Bádminton e Club Tambre Golf. A asistencia é libre e de balde.
O acto estará presidido polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e polo concelleiro de Deportes, Luís Rey, quen explica que “cada un dos clubs deportivos de Oroso entregará un premio ao mellor deportista da tempada 2013-2014 e aqueles que tamén conten con escolas deportivas entregarán un segundo premio á mellor promesa da temporada”. Rey Villaverde apunta que estes premios “son un recoñecemento ao traballo de todo un ano en calquera das modalidades deportivas que se practican en Oroso, evitando así primar un deporte sobre outro”.
Clausura das escolas deportivas
Previamente, e a cabalo do campo de fútbol Lino Balado e do centro deportivo Juanito Amigo de Sigüeiro, terá lugar as tradicionais exhibicións deportivas. O programa comezará ás 16:30 horas coa exhibición de ximnasia rítmica, seguido por taekwondo ITF (16:45 h), tenis de mesa (17:00 h), bádminton (17:15 h ), baile en liña (17:30 h), hóckey sobre patíns (17:45 h), patinaxe (18:00 h), hip-hop (18:15 h), xadrez (18:30 h), Oroso Motor Sport (18:45 h) e zumba (19:00 h). Paralelamente, no campo de fútbol Lino Balado haberá inchables para os máis pequenos.











