Oroso celebra a segunda edición do festival folclórico “Paseo de Carboeiro”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+

O Concello de Oroso organiza a segunda edición do festival folclórico “Paseo do Carboeiro”, que terá lugar este sábado 5 de xullo en Sigüeiro, ás 18:00 horas, no marco natural do parque do Carboeiro. Unha iniciativa coa que “queremos recuperar o espírito dos festivais folclóricos que se facían hai anos na Illa do Refuxio, dando a coñecer a nosa música e as nosas tradicións e disfrutando dunha xornada de festa e confraternidade, tal e como aconteceu na primeira edición”, explica o alcalde de Oroso, Manuel Mirás. Un festival que “co traballo de todos, do Concello e das asociacións e grupos folclóricos de Oroso, converteremos nunha cita fundamental en Oroso”, sinala Manuel Mirás.

Ata o de agora, o festival folclórico viña celebrándose cada ano dentro da Festa da Troita, ocupando un par de horas da tarde do domingo. Sen embargo, o Concello de Oroso apostou por eliminar o festival, incluír pasarrúas e actuacións dos distintos grupos orosáns ao longo da Festa da Troita e darlle así unha maior significación ao festival folclórico, dedicándolle toda unha xornada na que a música tradicional será a única protagonista. Ademais de música, este sábado no paseo do Carboeiro haberá tamén servizo de bar, con churrasco e empanadas.

Grupos participantes

A xornada comezará ás 18:00 horas coas actuacións dos grupos orosáns Lembranzas do Tambre (Sigüeiro-Oroso), Buxos Verdes (Senra/Cardama-Oroso) e Néboas no Cumio (Oroso), todos eles colaboradores na organización do festival. Como grupos convidados, este ano actuarán “Vive lo nuestro” (Badajoz) e o grupo de baile Agrocobo (Muros), que toman o relevo de “La Flor del Azafrán” (Toledo) e Xacarandaina (A Coruña), convidados na primeira edición. Ao rematar, haberá unha gran foliada.

A asociación cultural de bailes rexionais “Vive lo Nuestro” de Fuente del Maestre (Badajoz) constituíuse en agosto de 2008 e dende marzo de 2011 conta cun coro, converténdose na actual Asociación de Coros e Danzas “Vive lo nuestro”. Actualmente está formada por 41 compoñentes tanto do grupo de danza xuvenil (12), principal (16), coro e instrumentistas (13). A súa participación no II Festival Folclórico “Paseo do Carboeiro” forma parte dun intercambio cultural coa asociación Lembranzas do Tambre, que actuará o vindeiro 19 de xullo no IV Festival Nacional de Folclore de Fuente del Maestre.

30 de xuño de 2014 | 19:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.