Oito xóvenes de Val do Dubra, A Baña, Negreira e Santa Comba participan en Portugal no proxecto Youth Participation-Active Citizenship da UE

Os oito participantes na visita ao Concello de Val do Dubra
Oito xóvenes de Val do Dubra, A Baña, Santa Comba e Negreira participarán do 21 ao 26 de xuño en Avintes e Vila Nova da Gaia (Portugal) no proxecto Youth Participation-Active Citizenship, financiado pola Unión Europea dentro do Programa Mocidade en Acción. Trátase dunha campaña sobre a Democracia Participativa para os mozos de Europa.
Os mozos residentes nos catro concellos e con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos partirán nos próximos días cara a Portugal. No intercambio xuvenil impulsado polo Concello de Val do Dubra tamén participa a Asociación Xuvenil Santiago DC. Ao encontro acudirán 40 mozos de cinco países e vinculados aos dous municipios portugueses, á Asociación Onda Verde, ao municipio húngaro de Szurdokpuspoki, á Foundation Eletesely Alapitvany, ao concello italiano de Male e á Associazione Vololibero.
Os oito xóvenes galegos seleccionados acudiron ao Concello de Val do Dubra e recibiron os consellos do alcalde da localidade, Ramón Varela, e dos técnicos do Concello. A campaña Democracia Participativa pretende facilitar o coñecemento doutras realidades socioculturais e lingüísticas para a comprensión da diversidade cultural e favorecer e potenciar a adquisición de habilidades e competencias non formais que faciliten o desenvolvemento persoal.