Oito padexeiros galegos participarán no Campionato de Europa en Manes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+

Oito padexeiros galegos competirán no Campionato de Europa sub-23 e júnior que se inicia este xoves en Manes en Yvelines e terminará o domingo. Estarán presentes en nove probas. Catro deles son sub-23 e outros tantos júnior.

Entre os sub-23 están Roi Rodríguez e Adrián Siero, que competirán en dúas probas. O primeiro deles en K-1 500 e 1.000 metros. O segundo farao en C-1 200 e 500 metros. A representación feminina nesta categoría estará composta por Natalia García, que paleará na proba de K-1 200 metros, e Cristina Noya, que o fará en C-2 200 metros.

Sergio Vallejo e Alex Bernárdez serán dúas das referencias no C-2 500 e 1.000 metros, que son as regatas nas que competirán. A eles débense engadir Camila Aldana Morrison e Raquel Dacosta, que o farán en K-2 500 metros.

Varios deles tamén estarán presentes no Mundial das mesmas categorías que se disputará na cidade húngara de Szeged entre os días 17 e 20 do próximo mes. O Campionato de Europa sénior terá lugar en Brandemburgo (Alemaña), entre os días 10 e 13 de xullo, e o Mundial sénior será en Moscova entre o 7 e 10 de agosto. En todas as citas, a presenza de padexeiros galegos será masiva.

25 de xuño de 2014 | 18:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.