Obradoiros para fomentar a participación das mulleres con discapacidade da Coruña
O xoves, 5 de xuño, de 9:30 a 13:30 horas, nas instalacións que COGAMI ten en A Coruña (Avda. Cádiz, nº 1, 1º Andar, local 2), 15 mulleres do concellos coruñés e arredores van participar nun obradoiro sobre o liderado das mulleres con discapacidade e o seu empoderamento, que lles imparte a Psicopedagoga de ACADAR, María Rial.
Financiado pola Deputación de A Coruña, esta acción formativa vai ser a primeira das catro que se van realizar en total, realizándose as seguintes nos concellos de Ferrol, Arzúa e Boiro, os días 11, 17 e 26 de xuño, respectivamente.
A asociación ACADAR incide na capacitación das mulleres nos distintos ámbitos e áreas de participación social como son o emprego, a saúde, a maternidade, a sexualidade, a vida independente, os medios de comunicación e o tratamento e visibilización que lle outorgan á muller con discapacidade, a violencia de xénero e o liderado. Para isto, durante estes obradoiros traballaranse as inquedanzas persoais, o significado do liderado e as capacidades individuais de cada unhas das mulleres que asisten.
Estes seminarios serven para capacitar ás mulleres con discapacidade, proporcionarlles argumentos e ferramentas para que se sintan valoradas, xa que non debemos esquecer que existe unha dobre discriminación: por ser muller e por ter discapacidade.











