Obradoiros, fotografía e creación artística en Carral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarral
A-
A+

A BIBLIOTECA MUNICIPAL OFRECE UN OBRADOIRO PARA APRENDER ESCRIBIR UN CONTO

A Concellería de Cultura, coa colaboración do Consorcio das Mariñas, organiza un obradoiro titulado Como escribir un conto, que se organizará na Biblioteca da Casa da Cultura.

A actividade está dirixida a rapaces e rapazas de 10 a 12 anos e levarase a cabo os días 1 e 3 de xullo, de 11:00 a 12:00 h. O obradoiro é de balde e será impartido polo escritor, xornalista e guionista Manuel Guisande.

As prazas son limitadas. As persoas interesadas deben inscribirse antes do 26 de xuño na Casa da Cultura (tel. 981 672 580).

SOÑA, VIVE, CREA! CAMPAMENTO DE CREACIÓN ARTÍSTICA

A Concellería de Cultura do Concello de Carral pon en marcha un campamento de tipo urbano, que ten por obxectivo fomentar a capacidade creativa dos participantes, aprendendo as principais técnicas dalgunhas disciplinas de creación cultural.

As principais características da actividade son:

– Datas: do 30 de xuño ao 11 de xullo

– Horario: de 10:00 a 14:00 h.

– Lugares de realización: Casa da Cultura, Centro de Formación Antón Fraguas e zonas exteriores do complexo municipal de Paleo.

– Resumo do programa: introdución ao graffitti (6 horas), introdución ao modelado e escultura (10 horas), introdución á fotografía (8 horas), introdución á pintura en óleo (8 horas) e expresión musical (4 horas).

– Visitas ao museo MAC e ao obradoiro do escultor Francisco Escudero.

– Participantes: entre 15 e 20 persoas nados entre 1998 e 2002.

– Se contará cun monitor/a que coordinará e asistirá todas as actividades e monitores especializados en cada disciplina do campamento.

– Prezo por participante: 100 €

As preinscricións realizaranse na Casa da Cultura ata o 21 de xuño, cubrindo a ficha que poden obter nas mesmas dependencias municipais.

No caso de que o número de inscritos supere ao de prazas dispoñibles, realizarase un sorteo público na Casa do Concello o  martes 24 de xuño, ás 10:00 h. Terán prioridade os empadroados en Carral. Os participantes aceptados deberán formalizar o pagamento da cota de inscrición entre o martes 24 de xuño e o xoves 26 de xuño.

A ESCOLA MUNICIPAL DE FOTOGRAFÍA PRESENTA NO TOÑITO ESPIÑEIRA OS SEUS MELLORES TRABALLOS

A sala de exposicións do edificio social Toñito Espiñeira acolle ata mañá unha exposición cos mellores traballos realizados durante o curso que ven de rematar.

Son máis dunha vintena de fotografías as que presenta o alumnado desta escola cultural, que se desenvolveu desde outubro na Casa da Cultura baixo a dirección docente de Fran Martínez.

A escola de fotografía é unha das de maior antigüidade no programa de escolas municipais e pola que teñen pasado uns 200 alumnos.

O obxectivo deste obradoiro é o de ofrecer formación ampla sobre o mundo da fotografía, para o cal dispón de equipo de estudio que se pon a disposición do alumnado para a realización dos seus traballos.

O novo curso comezará no mes de outubro, dentro da oferta de escolas municipais de Cultura, Deportes e Educación.

19 de xuño de 2014 | 18:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.