Obradoiros de banda deseñada e de elaboración de lucernas romanas na Biblioteca Nodal de Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza na Biblioteca Nodal de Lugo un obradoiro de banda deseñada impartido polo recoñecido ilustrador Xosé Tomás.

O obradoiro celebrarase este venres a partir das seis da tarde e está dirixido a escolares de entre 9 e 15 anos. Xosé Tomás obtivo no 2010 o Premio Isaac Díaz Pardo da Asociación de Editores de Galicia ao mellor álbum ilustrado do ano. No 2012 recibiu o premio Fervenzas Literarias ao mellor ilustrador do ano, e no 2013 foi galardoado co premio Frei Martín Sarmiento á mellor obra infantil do ano.

O xoves 12, na antesala do Arde Lucus, a biblioteca ofrece en colaboración coa Escola Lucense de Tempo Libre dous obradoiros de elaboración de lucernas romanas cerámicas, para aprender a facer unha lámpada de aceite, coñecer as súas partes e o seu uso na antigüidade e descubrir como era o traballo dos oleiros. Haberá dúas sesións, ás cinco da tarde para nenos e nenas de entre 4 e 8 anos, e e ás seis da tarde para escolares de 9 a 12.

O venres 20 será o día dos máis cativos, de entre 0 e 3 anos, que poderán disfrutar da narración Toin, Toin a cargo de Raquel Queizás. Para participar nas actividades infantís é preciso apuntarse con anterioridade.

O venres 27, o centro acollerá no salón de actos un espectáculo de maxia dirixido a todos os públicos, Maxia de aquí e de acolá, con David Méndez, unha proposta que mestura maxia, comedia e improvisación, onde a participación do público está presente en todo momento. A entrada é gratuíta, ao igual que no conxunto da oferta da Biblioteca Nodal de Lugo.

Así mesmo, o centro abre o prazo para inscribirse nos cursos de ofimática básica e internet básico que se desenvolverán no mes de setembro. Hai 12 prazas dispoñibles para cada un deles. Os interesados en anotarse poden pasar polas instalacións, chamar por teléfono ou enviar unha solicitude por correo electrónico a biblio.publica.lugo@xunta.es. O café filosófico celebrarase o martes 24 e o tema a debater será “a beleza”, a partir das seis da tarde na sala multiusos.

A Biblioteca acolle unha exposición de sensibilización da ONG Implicadas no Desenvolvemento (IND), e polo que respecta ás mostras bibliográficas, hai dúas no vestíbulo, Roma e Preparando as vacacións, outras tantas na sala infantil, Arde Lucus e Educar as emocións, e unha última na sala de adultos, Lecturas para o verán. Como é habitual reúnense ao longo do mes as mesas de conversa en inglés, francés, portugués, e castelán (para estranxeiros) así como os distintos clubs de lectura.

2 de xuño de 2014 | 16:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.