O xogador do Rio Natura Monbus Oriol Junyent terá que pasar polo quirófano

Oriol Junyent

Oriol Junyent

O xogador Oriol Junyent terá que pasar finalmente polo quirófano debido á rotura parcial do ligamento cruzado anterior do seu xeonllo dereito, lesión que sufriu no partido correspondente á xornada 20, ante o FiatC Joventut. Tras o contratempo, o capitán do Rio Natura Monbus probou con diferentes tratamentos (no outro xeonllo carece de ligamento cruzado e iso non lle impedía a práctica deportiva ao máis alto nivel), aínda que ningún deles obtivo un resultado positivo e finalmente terá que someterse a unha intervención cirúrxica, que se realizará durante o mes de xullo, pois anteriormente o xogador debe realizar un traballo de fortalecemento muscular. Todo iso manterá ao pivote internacional, que o próximo 1 de xullo cumpre 38 anos, afastado das canchas de xogo un mínimo de oito meses máis, polo que non poderá formar parte do próximo persoal deportivo do equipo galego, o que non significa a súa retirada definitiva da práctica do baloncesto.

Doutra banda, o Consello de Administración do club decidiu na súa última sesión, celebrada o pasado martes, que ningún outro xogador do club volverá lucir o número 15 na súa camiseta, número que será retirado nunha homenaxe que terá lugar en datas a acordar co propio Oriol. Será o momento en que toda a familia obradoirista poida tributar ao seu capitán a despedida que mereceu nas catro tempadas nas que luciu ese dorsal. 

2 de xuño de 2014 | 19:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.