O VII Torneo de Xadrez da Laracha contou con 31 participantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O VII torneo de xadrez “Concello da Laracha” foi todo un éxito organizativo e participativo, ao contar coa presenza de 31 xogadores, motivo polo cal foi preciso trasladar a celebración do evento á Casa da Cultura en lugar do baixo da biblioteca municipal da Laracha, tal e como estaba inicialmente previsto.

A competición, que se desenvolveu durante toda a tarde do sábado, disputouse a seis roldas e estivo marcada pola gran igualdade existente na categoría absoluta, na que catro xogadores igualaron a cinco puntos e foi preciso desempatar empregando o chamado sistema bucholz brasileiro, que deu o título de campión a Alberto Muñiz (residente en Hong Kong, actualmente de vacacións en Galicia), o subcampionato a Luis Medarde (club USC) e o terceiro posto a Óscar Porto (Gallaecia).

Na categoría sub-16 impúxose Ángel Ferreño (Marín), completando o podio Roque Bouza (Betanzos) e Tomás Barale-Caamaño (ETX).

Por último, os mellores sub-12 foron, por esta orde, Sergio Pousada (Ex-alcohólicos), Diego Bermúdez (Sigrás) e Pedro Agrelo (Canosa-Rus).

Ademais, foron premiados como os xogadores locais máis destacados os laracheses Xaquín Cotelo, Guzmán Díaz e Rubén Martínez.

A edil responsable das áreas de Cultura e Deportes, Patricia Bello, foi a encargada de entregar os trofeos no auditorio da Casa da Cultura. Con este torneo organizado polo Concello da Laracha deuse continuidade ao curso que se realizou desde o pasado mes de xaneiro e ata finais de maio no marco do programa municipal de actividades de inverno

9 de xuño de 2014 | 19:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.