O vigués Tony Pérez queda terceiro na xeral do Open de España

Tony Pérez
Os corredores galegos con opcións ao pódium que participaron este domingo na terceira proba de BIG RIDE no municipio pirenaico de Castejón de Sos, tiveron diferente sorte.
Tony Pérez veu confirmar o seu bo estado de forma e conseguiu un máis que meritorio sexto posto na clasificación scratch desta carreira do Open nacional de enduro BTT. Cos puntos obtidos, volve ter opcións para facerse co Open nacional, e queda na xeral do campionato en terceira posición.
Ao finalizar a carreira aseguraba: “No primeiro tramo tiven algún problema para coller ritmo, custoume bastante; pero logo fun remontando e xa estiven mellor. Pero un problema mecánico no terceiro tramo impediume mellorar os tempos”.
Tony proclamábase vencedor na categoría Master 30, ao percorrer os tres tramos cronometrados da proba en 24:46. “Fun primeiro de Master 30, e iso sumado a que non me magoei, xa é bo para min. A proba discorreu por unha paisaxe idílica para a práctica do enduro e espero poder repetir máis veces”.
O tudense Rubén Rodríguez, pola súa banda, quedou no posto 29 tras ter unha picada no primeiro tramo cronometrado da proba, que lle afastou definitivamente da loita polo título. Ademais unha caída que sufriu durante os adestramentos obrigoulle a ir con menor ritmo do que nos ten afeitos: “Tiven unha caída un pouco forte adestrando, tiña algo de malestar na zona das costelas e no peito, e sabía que hoxe tiña que ir con menos ritmo. Pero a picada no tramo 1 deixoume fóra de carreira totalmente”.
Rubén perde así a camisola amarela, aínda que en BIG RIDE non hai nada escrito e na última proba do Open en Cercedilla, na serra de Madrid, podería dar a sorpresa: “O rival que tiña xusto detrás hoxe colleu moitos puntos. E aínda que non descarto facer un bo tempo en Cercedilla, tería que pasarlle algo a Roger González, o actual líder, para que eu puidese alcanzalo. Afrontarei a proba con tranquilidade, de maneira relaxada e irei gozala”.
E será precisamente en Cercedilla onde se dispute, por terceiro ano consecutivo, unha proba de BIG RIDE. É unha carreira moi esperada polos corredores, xa que o tipo de terreo é moi rápido e con zonas moi técnicas de raíces e de rocas, que a converten nunha das áreas preferidas de moitos endureros. E iso sumado ao potencial da serra de Madrid, fana ser a sede perfecta para acoller a última proba de BIG RIDE, o Open de España de enduro BTT.











