O V Campus de Fútbol da Fundación Celta de Vigo en Oroso inclúe sendeirismo, aquapark e outros deportes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+

A Fundación Celta de Vigo, en colaboración co Concello de Oroso e a Escola Deportiva Xuventude Oroso, celebrará do 7 de xullo ao 1 de agosto a quinta edición do seu campus de fútbol, que este ano presenta múltiples novidades como a posibilidade de participar en actividades extra como rutas de sendeirismo, visitas ao aquapark de Cerceda ou a práctica doutras modalidades deportivas. Unhas novidades que foron presentadas aos veciños e veciñas de Oroso polo concelleiro de Deportes de Oroso, Luís Rey Villaverde, e o director da Fundación Celta de Vigo, Germán Arteta Torres, quen estiveron acompañados polo vicepresidente da ED Xuventude Oroso, Antonio Liñares; polo coordinado xeral dos Campus de Verán da Fundación Celta de Vigo, Alejandro Abade; e polo coordinador na zona da Coruña, Hugo Rama.

Luís Rey destacou que “grazas á colaboración do Concello de Oroso, este ano os participantes no campus poderán disfrutar de actividades extras como natación, multideporte, pádel, squash ou béisbol, así como participar nunha ruta de sendeirismo e en varias excursións ao aquapark de Cerceda”. Así mesmo, destacou que o obxectivo do Concello de Oroso é que “os nenos e nenas disfruten do deporte, convivan con outros rapaces e rapazas de idades afíns e melloren os hábitos de disciplina e do esforzo, adquirindo valores de respecto polos demais, polo material e polo cumprimento das tarefas”.

Un punto no que coincidiu Germán Arteta, quen destacou que “estes campus atesouran un dos sinais de identidade da Fundación Celta de Vigo: a formación en valores a través do deporte, sempre dende un aspecto lúdico e empregando as técnicas e os formadores que tantos éxitos están dando nas categorías inferiores do Real Club Celta de Vigo”.

Novidades do campus

A primeira gran novidade deste V Campus de Verán da Fundación Celta de Vigo en Oroso será a súa duración. Se nas catro anteriores edicións a duración era de 5 días, nesta ocasión serán 4 semanas: entre o 7 de xullo e o 1 de agosto. Ademais, as familias terán a posibilidade de matricular aos cativos por semanas soltas e de elixir entre dúas modalidades: matinal (de 10:00 a 14:00 horas) ou completa (de 10:00 a 18:00 horas). Isto é unha segunda novidade, xa que ata o de agora o campus só tiña lugar en horario de mañá.

En canto aos prezo, establécese unha rebaixa de 20 euros en todas as tarifas para os veciños e veciñas empadroados en Oroso fronte ao público en xeral. Así, o custe por unha semana para calquera veciño ou veciña empadroado en Oroso é de 100 euros (matinal) ou 150 euros (completa); mentres que para o resto de alumnos o prezo é de 120 e de 170 euros, respectivamente. O custe polas catro semanas é de 200 euros (matinal) ou 250 euros (completa) para empadroados.

Outra das novidades deste ano é a implicación da ED Xuventude Oroso na organización do campus. De feito, as inscricións poden formalizarse ben a través do Concello de Oroso (no Centro Deportivo de Sigüeiro e a través de www.concellooroso.com) ou a través da ED Xuventude Oroso (www.xuventudeoroso.com ou info@xuventudeoroso.com). En ambos casos, o prazo de inscrición remata o vindeiro venres 27 de xuño. Todos os participantes neste V Campus de Verán da Fundación Celta de Vigo en Oroso recibirán unha equipación Adidas da Fundación Celta de Vigo.

10 de xuño de 2014 | 19:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.