O tenente de alcalde da Coruña rexeita dimitir e asegura que ninguén llo pediu

Julio Flores
O tenente de alcalde da Coruña, Julio Flores (PP), reafirmouse este mércores en que non presentará a súa dimisión e asegurou que ninguén lla solicitou, despois de que esta semana a xuíza que instrúe a Operación Pokémon ampliase a suborno a imputación de tráfico de influencias que xa pesaba sobre el nesta investigación xudicial.
En rolda de prensa convocada esta mesma mañá, Julio Flores indicou que o alcalde, Carlos Negreira, “desde o primeiro minuto” trasladoulle a súa “confianza” e recomendoulle que “manteña a cabeza fría”. “No meu caso demostrarase que non cometín ningunha irregularidade”, afirmou Julio Flores, quen asegurou que non se lle pasou pola cabeza dimitir.
A nova imputación de Julio Flores, que está citado a declarar o vindeiro luns, produciuse por mor dun informe de Vixilancia Aduaneira no cal se lle sitúa como posible perceptor de 5.000 euros de mans do delegado do grupo Vendex en Galicia, José María Titor, o 21 de maio de 2011, xornada de reflexión das eleccións municipais que se celebraron ao día seguinte.
Julio Flores, considerado como man dereita do alcalde da Coruña e presidente do PP na provincia coruñesa, xa fora imputado hai meses na Pokémon por tráfico de influencias. O político ‘popular’ sempre proclamara a súa inocencia e chegara a alegar que non recoñecía a súa voz nas gravacións efectuadas polos axentes de conversacións nas que supostamente solicitaba enchufes.











