O Sexto Edificio do Museo de Pontevedra achega ao visitante a banda deseñada coa mostra “Do cómic á novela gráfica”
Os amantes da banda deseñada teñen desde mañá, venres, e ata o 20 de xullo unha cita obrigada no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra. Aí poderá contemplarse a exposición “Do cómic á novela gráfica. A banda deseñada en España no século XXI”, que pretende achegarlle o visitante ó panorama actual do cómic.
Tal e como subliñaron a deputada Ana Isabel Vázquez e o comisario da exposición, Octavio Beares, na presentación, a intención é que o visitante poida coñecer e comprender todo o proceso creativo, desde os primeiros bosquexos ata os diferentes procesos artísticos e técnicos que se seguen para completar unha obra, que os visitantes poderán ler nas propias salas do Museo, nuns bancos instalados ó efecto.
Ana Isabel Vázquez recalcou a vitalidade da banda deseñada na actualidade, que pasou a ser “un arte, o noveno arte” e que, aínda que “os cómics non están feitos para exporse, senón para ser lidos”, o que se busca “é amosarlle ó público unha parte da arte que moitas veces non ten cabida nos museos, pero que tamén debe ter o seu oco”.
Dez autores
“Do cómic á novela gráfica. A banda deseñada en España no século XXI” propón un percorrido a través de mostras orixinais, reproducións de alta definición e un espazo lector; unha viaxe polo proceso de pensar a obra, deseñala, debuxala e, finalmente, editala.
Para iso válese de dez autores de banda deseñada española avalados polos premios máis prestixiosos, o éxito internacional e carreiras profesionais totalmente consolidadas.
Neste grupo percíbese a vitalidade da canteira galega da man de Miguelanxo Prado, José Domingo e David Rubín. Tres autores, ademais, de dúas etapas diferentes, dado que mentres o primeiro deles é do boom dos oitenta, os dous últimos forman parte do colectivo Polaqia, creado en 2001.
A eles súmanse Santiago García e Antonio Altarriba, como guionistas; e os debuxantes Max, Kim, Alfonso Zapico, Paco Roca e Santiago Valenzuela.
Visitas guiadas
A exposición completarase con visitas guiadas que se organizarán de forma paralela e que permitirán afondar un pouco máis na historia do cómic na súa situación actual, no proceso creativo e en todo o que o rodea.
A primeira destas visitas terá lugar o venres 27 ás 20:00 h da man do comisario da exposición, Octavio Beares.
As seguintes visitas guiadas realizaranse a partir do 2 de xullo, todos os mércores, ás 12:00 h.











