O Salón García convértese en sede universitaria de verán co curso do centro de hidrobioloxía
Os Curso da Universidade de Verán da USC regresan a Vilagarcía coa actividade que se desenvolverá a partir de mañá no Salón García. Trátase dun curso organizado polo Centro de Hidrobioloxía Encoro do Con que versará sobre Planificación Hidrolóxica e Directiva Marco Europea da Auga.
O centro de investigación que dirixe Fernando Cobo incide neste novo curso na importancia da auga como recurso vital e a necesidade de coidar, conservar e preservar as masas de auga. Para unha xestión racional e sostible da auga é preciso unha adecuada planificación dos recursos hidrobiolóxicos e nisto é no que se centra a actividade formativa que presenta o Centro de Hidrobioloxía este verán. Expertos e profesionais relacionados dende diferentes ámbitos de estudio coa atemática do curso exporán os seus traballos no curso que se inaugura mañá, mércores, ás 10 horas no Salón García coa presenza do alcalde, Tomás Fole, da concelleira de Educación e Cultura, Rocío Llovo e do director do curso, Fernando Cobo.
O programa da xornada inaugural ábrese ás 10:30 horas co relatorio sobre “O proceso da planificación: conceptos e criterios na planificación” que ofrecerá carlos Guillermo Ruís del Portal Florido, Enxeñeiro de Camiños e Xefe da Oficina de Planificación Hidrolóxica da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.
Tras unha pausa, recolle a testemuña o biólogo Emilio Esteban Rodríguez Merino, Xefe da área de Plans e Estudios da Oficina de Planificación Hidrobiolóxica da Confederación Hidrográfica do Miño-Sol; que falará sobre “Instrumentos de planificación”.
Xa pola tarde, a partir das 16 horas intervirá o biólogo e director da Estación de Hidrobioloxía Encoro do Con, Fernando Cobo, que exporá aos presentes a “Clasificación, delimitación e tipoloxía das masas de auga. A última conferencia da xornada será a que ofrecerá a bióloga e Doutora de Zooloxía do departamento de Bioloxía Animal, Bioloxía Vexetal e Ecoloxía da Universidade de A Coruña, María José Servia García, que explicará o seu traballo en relación ás “Presións sobre as masas de auga superficiais”.











