O rexedor compostelán admite que o fallo é un duro golpe para o goberno de Santiago
O alcalde de Santiago, Ángel Currás, admitiu que o fallo condenatorio aos sete edís do PP “é un duro golpe” para o grupo de goberno, ao tempo que avanzou que a partir de agora analizarán “en profundidade o contido da sentenza” para tomar decisións “en próximas horas”.
O xuíz decidiu condenar por prevaricación aos sete concelleiros do PP membros da Xunta de Goberno Municipal de Santiago de Compostela que acordaron que o Concello se fixese cargo dos gastos de defensa do seu compañeiro de corporación Adrián Varela, implicado á súa vez no caso Pokémon e quen presentou a súa dimisión o pasado luns.
A preguntas dos medios tras coñecerse o fallo, nas que xa confirmou que está “en contacto” co partido, Ángel Currás admitiu que aínda que “respecta a sentenza”, dixo non poder compartila. Ademais, destacou que mantén a “confianza na inocencia” dos sete concelleiros.
“Valoraremos loxicamente con todos eles e co partido, a partir de agora, a decisión que proceda”, sinalou o rexedor municipal, quen avanzou que se celebrará un encontro cos concelleiros que “non está aínda fixado”, pero que podería darse “ao longo do día de hoxe”.
Currás sinalou ademais que falou “con todos eles ao longo da mañá”, con algúns “en máis dunha ocasión”, pero apostou por tomar decisións “con tempo”, falando cos concelleiros e “analizando en profundidade o contido da sentenza”.
Por outro lado, respecto á petición de dimisión realizada polos voceiros municipais do PSdeG e do BNG, Currás recordou que “non é a primeira vez” que o fan e que non ten nada que dicir” ao respecto.











