O refuxio de animais de Mougá rexistrou 241 adopcións dende a posta en funcionamento
O refuxio de Mougá informou esta mañá do alto número de animais abandonados que son recollidos polo servizo mancomunado dende a súa posta en marcha, en xullo de 2013. Este servizo de lacería, recollida, aloxamento e control de animais funciona de maneira conxunta grazas á Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, que preside o rexedor ferrolán Jose Manuel Rey Varela.
Dende a súa entrada en funcionamento, as instalacións do refuxio de animais de Mougá rexistraron un total de 241 adopcións, o que supón unha media de 22 adopcións ao mes. Arredor do 70% dos animais que son recollidos en adopción son cans, e o outro 30% gatos. Así, as persoas interesadas en adoptar poden coñecer os animais en busca de fogar a través das fichas publicadas -cunha fotografía e unha breve descrición do animal- na páxina web da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol: www.comarcaferrolterra.es.
Non obstante, a mellor maneira de coñecer aos animais é achegándose ao refuxio de Mougá que está aberto ao público de luns a venres, en horario de 10:30 a 18:30 horas, e sábado de 10:00 a 14:30 horas. O persoal do refuxio de animais estudará o perfil de cada adoptante, o que permite garantir a compatibilidade entre o animal e o solicitante da adopción, tendo en conta as características físicas e de comportamento do animal como as condicións do novo fogar. Unha vez finalizado este proceso, o animal é entregado ao seu novo propietaria en correctas condicións sanitarias e identificado legalmente.
Colaboración cidadá
Por outra banda, a xestora do Refuxio de Mougá agradece a colaboración cidadá que permitiu recoller un can que se atopaba abandonado moi próximo a rotonda da Bailadora, o que supoñía un grave risco non só para a vida do animal senón tamén para a de todos aqueles condutores que circulan por esta estrada e se poderían ver sorprendidos pola presenza dun can.
O devandito can atópase xa no refuxio, e xa foi inspeccionado polos veterinarios que certificaron que se trata dun can de pouco máis dun ano de idade, en bo estado e con boa saúde. Nestes días procederase a desparasitalo e vacinalo para que pasados os 20 días de prazo pertinente, sexa posto a disposición de quen queira adoptalo. As persoas interesadas en adoptar a este can, bautizado polos xestores da canceira manconunada como “Bailador”, ou calquera outro can ou gato aloxado no Refuxio de Mougá poderán visitar o centro no seu horario de atención ao público –de luns a venres de 10.30 a 18.30; sábado de 10.00 a 14.30 horas-, consultar a páxina web www.comarcaferrolterra.es ou chamar ao teléfono: 619 043 347.











