O recinto de Fexdega acolle a XXI Festa dos Maiores
O recinto multiusos de Fexdega volve a acoller este ano a Festa dos Maiores, a tradicional romaría de verán que terá lugar o sábado 21 de xuño a partir das 12:00 horas. O Concello oferta 550 prazas para participar no xantar a base de produtos populares e por un prezo de 6 euros por persoa. O programa inclúe ademais música, baile, concursos e premios aos asistentes de maior idade. As últimas entradas para o almorzo pódense retirar nas dependencias da Concellería ata mañá, xoves.
A festa organizada pola Área de Maiores que dirixe Ángeles Rodríguez, seguirá o esquema de edicións anteriores cun programa no que,a demais do xantar a base de produtos típicos, haberá concursos e torneos, homenaxes, baile e actuacións musicais.
Os actos da romaría están abertos a todos os maiores que o desexen, coa excepción do xantar para o cal será preciso abonar os 6 euros o prato. O único requisito para poder participar no xantar da Romaría é pertencer ao colectivo de persoas maiores e estar empadroado en Vilagarcía. O menú comporase de entrantes a base de empanada de carne, bacallau e bonito, mexillóns ao vapor e carne ao caldeiro con guarnición. Todop regado con viño branco e tinto do país, gaseosa e auga. E de sobremesas, larpeiras e torta de mazá, café e licores variados.
No transcurso da Romaría celebraranse os tradicionais torneos de chave e ra, así como o concurso de baile. Os premios concederanse tras o almorzo, cando tamén se renderá homenaxe ao home á muller de maior idade presentes na festa. A Romaría contará con amenización musical tanto pola mañá como pola tarde, estando prevista a actuación do grupo de maiores que participa nos obradoiros Activa o teu Corpo, activa a túa mente que organiza a Concellería; e coa intervención do Trío “Los Tres Latinos” que se encargará da parte musical na sesión de baile.











