O Proxecto Yuzz permitirá que a mocidade poida iniciarse do mundo do emprendemento

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Local Portada ► Vigo ▼
A-
A+
Beatriz Mato na visita ao programa Yuzz en Vigo

Beatriz Mato na visita ao programa Yuzz en Vigo

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, visitou hoxe aos participantes do programa Yuzz en Vigo, que promove os proxectos tecnolóxicos de mozos e mozas de entre 18 e 31 anos a nivel nacional, e destacou a capacidade do mesmo para facilitar que a mocidade poida iniciarse no mundo do emprendemento.

Mato explicou que para a Consellería é un privilexio colaborar por segundo ano co Centro Internacional Santander Emprendemento (CISE) e Santander Universidades no desenvolvemento deste programa no que participan 35 mozos e mozas galegos nos dous Centros Yuzz que hai en Galicia (Vigo e Santiago).

A conselleira lembrou que, o pasado ano, o proxecto que recibiu o segundo premio a nivel nacional, dotado con 20.000 euros, foi o do galego José María Martínez Teria, participante no Centro Yuzz de Santiago.

Para poder facer realidade este proxecto, a Consellería cede as instalacións e o equipamento, que en Vigo están situadas na Oficina do Empregador, no edificio da Gota de Leche. Pola súa banda, o Banco Santander ofrece asesoramento, formación e orientación aos participantes, a cargo da súa rede de expertos, formada por máis de 200 profesionais.

Beatriz Mato apuntou que o departamento autonómico ten o compromiso de promover que o talento da mocidade frutifique en novos proxectos e empresas. Con ese propósito, blindouse o orzamento destinado a autónomos e emprendedores en 2014, que volve ser de 25 millóns de euros.

Así mesmo, o emprendemento e a creatividade é un dos eixes sobre os que xira a nova Estratexia de Xuventude 2014-2016. Unha estratexia –con 240 medidas concretas e 344 millóns de euros de orzamento– que vai dar continuidade ás medidas con máis éxito do anterior plan que rematou en decembro e que inclúe as melloras que demanda a xuventude.

Algunha desas melloras afectan directamente á área de emprendemento. Así, por exemplo Mato explicou que “os mozos galegos van poder aforrar un total de 7,5 millóns de euros en deducións fiscais vinculadas á creación ou á capitalización de empresas durante os tres anos que dure o plan”.

O emprendemento é tamén un dos tres eixes sobre os que se articula o Plan de emprego xuvenil. Precisamente, unha das medidas pioneiras deste plan é a orde para autónomos menores de 30 anos, que só en 2014 vai contar con 4,5 millóns de euros e 1.500 beneficiarios.

O máis novidoso desta orde é que os menores de 30 anos que se constitúan como autónomos en Galicia van recibir unha axuda de 1.200 euros, sen necesidade de xustificar ningún tipo de inversión en activo fixo. Ademais, Mato indicou que, grazas á tarifa plana estatal de 50 euros, esta medida vai supor que os novos autónomos menores de 30 da nosa Comunidade reciban como mínimo unha subvención equivalente á cotización íntegra á Seguridade Social do primeiro ano.

Así mesmo, o departamento autonómico vai convocar proximamente a Orde de Axudas ás empresas cualificadas como Iniciativas de Emprego de Base Tecnolóxica (IEBT), que vai estar dotada con 500.000 euros e que busca dinamizar o emprendemento na comunidade universitaria galega. Recolle axudas para o inicio e posta en marcha da actividade, a creación de emprego e a formación dos emprendedores, entre outras.

3 de xuño de 2014 | 19:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.