O proxecto de coworking obtén a cualificación de iniciativa local de emprego
O proxecto de Coworking posto en marcha por tres ex alumnas do Obradoiro de Emprego organizado polo Concello ven de recibir a declaración de Iniciativa Local de Emprego (ILE) por parte da Xunta de Galicia. A solicitude desta distinción, respaldada a través de diferentes vías pola administración local, permitiralles a estas emprendedoras acceder a axudas específicas para desenvolver este innovador proxecto empresarial que segue os seus pasos coa organización dun almorzo de ideas que se desenvolverá mañá e que está aberto a todos aqueles emprendedores que busquen colaboración ou asesoramento para as súas iniciativas.
A concelleira de Traballo e Benestar, Elena Suárez, transmitiu as súas felicitación ás promotoras do “Vilagarcía Coworkingspace”, polo empuxe que a declaración de ILE lle dará ao seu proxecto e polas características do mesmo, “xa que se trata dun concepto de traballo pioneiro na bisbarra, unha actividade económica emerxente que está dando moi bos resultados a nivel mundial, e tamén por estar promovido por tres mulleres”. Ademais, a edil manifestou estar aínda máis contenta polo feito de que a idea se xestara no ámbito da administración local, ao nacer da colabnoración de tres persoas que participaron no Obradoiro de Emprego e que despois contaron co asesoramento e dirección do Departamento Integrado de Formación e Emprego do Concello para darlle forma dende as propias instalacións municipais do centro de Matosinhos.
O Vilagarcía Coworking Space opera xa dende hai uns meses nun edificio de oficinas da Rúa Méndez Núñez, onde mañá a partir das 10:00 horas, se organizará un almorzo de ideas aberto a emprendedores de toda a comarca. A actividade ten como obxectivo orientar ás persoas que estean pensando en montar un negocio ou a aquelas que precisan mellorar o que xa teñen en marcha. Para iso contarán co asesoramento técnico de Diego Parajó, da Xeneme Proxectos Sociais. O almorzo ten outro importante obxectivo: reunir a emprendedores a efectos de que se coñezan e poidan establecer relacións de colaboración para a mellora e complementariedade dos seus respectivos proxectos.
A través do Vilagarcía Coworking, a cooperativa Dalle que Dalle ofrece a profesionais, emprendedores e Pemes de diferentes sectores a posibilidade de compartir un espacio físico, medios materiais e servizos, para a realización das súas actividades mediante o establecemento dunha comunidade na que os participantes podan desenvolver os seus proxectos individuais, así como fomentar outros conxuntos aproveitando as sinerxias. Este sistema de xestión de espazos de traballo compartido permite aforrar custes, facilitar o desenvolvemento de novas actividades empresariais e tamén terá como obxectivo dinamizar e impulsar diferentes proxectos de ámbito cultural e formativo.
O Coworking é unha nova forma de traballar que se está implantando no mundo e que empeza a camiñar en España. Na comarca do Salnés aínda non existe ningunha iniciativa deste tipo, estando a máis próxima en Pontevedra. Por iso, a proposta de DallequeDalle pretende ter un ámbito comarcal e ir máis alá dun mero compartir espazo, servizos e recursos materiais como poden ser (local, wifi, auga, fotocopiadora, equipos informáticos…), se non que tamén se convertirá nun espazo para a formación, para a realización de actividades e novos proxectos.
Actividade informativa. Un caso real
Nesta liña de actuación enmárcase a actividade informativa “Como emprender 3.0” que DallequeDalle celebra o venres, 13 de xuño, a partir das 19:30 horas, e no que os asistentes poderán coñecer a experiencia do caso real materializado no proxecto empresarial “soloimprenta.es”.











