O programa ‘Embárcate’ ofrece numerosas propostas para o tempo de lecer da mocidade ourensá

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Concellería de Xuventude do Concello de Ourense organiza unha nova edición do programa “Embárcate”, que se desenvolverá nos meses de xullo, agosto e setembro, co obxectivo de proporcionar unha alternativa para o tempo de lecer da mocidade ourensá que permanece na cidade durante o verán e, por outra parte, fomentar valores coma o deporte, o coñecemento da natureza e a convivencia.

As persoas interesadas poderán inscribirse dende mañá, martes, día 10 de xuño. Este ano salienta como novidade que case todas as actividades serán de balde e están dirixidas a nenos, nenas, mozos e mozas dende os 6 anos, co fin de axudar á conciliación familiar nos meses estivais.

As inscricións serán por orde de chegada das solicitudes nas propias dependencias da Oficina Municipal de Informaciónm Xuvenil do Concello de Ourense, na Praza San Martiño nº 2 baixo dereita, ou por correo electrónico xuventude@ourense.es

Actividades propostas:

Curso de Iniciación ao Piragüismo, con clases teórico-prácticas, no encoro de Velle. De balde, para maiores de 16 anos, os sábados 5 e 12 de xullo no hangar da Escola Ourensá Municipal de Piragüismo, xunto á presa de Velle.

Bautismo Náutico. Co obxectivo de promover o desfrute e a práctica dos deportes náuticos, ofértase un curso de Iniciación ás actividades naúticas, incluíndo kayak, vela e paddle surf. Para maiores de 18 anos, no Clube Náutico, Castrelo de Miño, o sábado, 9 de agosto. Actividade de balde.

“Saudando ao sol desde o Miño”. Sesións de ioga, relaxación e meditación, con series dinámicas, adaptadas ao grupo, de fortalecemento e estiramento, guiadas dende a respiración, co fin de acadar unha maior consciencia corporal, claridade mental e saúde física e emocional. Gratuíta, para maiores de 15 anos, os martes e xoves de agosto, pola mañá e tarde no Tinteiro e Parque Barbaña.

Sábados de Aventura. Consiste na realización de Descenso de Canóns (barranquismo) e Rafting no Miño por augas bravas en balsa inchable. O Barranquismo é unha das actividades de aventura máis completas e emocionantes, xa que consiste en descender polo cauce dun río camiñando, saltando, nadando, permitindo coñecer lugares de riqueza natural única. O Rafting consiste no descenso dun río de augas bravas navegando en balsa inchable, dirixidos por un guía. Para maiores de 18 anos, en Arbo os sábados 2 e 23 de agosto.

Fin de semana de aventura: O Xurés desde outra mirada. Consiste en desfrutar dunha fin de Semana de Aventura no Xurés, realizando ruta en Kayak e actividades de vela, sendeirismo, baño en termas, visita a campamento romano e aloxamento no complexo turístico O Corgo. Para maiores de 18 anos. Prezo: 43 €

A Búsqueda do Tesouro de Aureana. Baixo o xeito dunha partida de Rol/Quest, realizarase unha búsqueda por equipos do tesouro de Aureana a través de diversas localizacións da cidade, centrándose no Casco Vello e edificios máis emblemáticos. Os equipos terán que recoller pistas, realizar probas e descifrar acertixos para avanzar na trama, alzarse coa victoria e co codiciado tesouro. Para maiores de 14 anos, o sábado 6 de setembro

I Open Rallye Slot Cidade de Ourense 2014. Disputarase o sábado 13 de setembro sobre superficie de asfalto en 6 tramos. Para maiores de 6 anos no Pavillón do IES Julio Prieto Nespereira. As inscricións realizaranse na Asociación Recreativa e cultural EVOSLOT (10 euros e 20 euros con comida).

Ímonos de campa. Nova proposta para escolares de 6 a 16 anos: un campamento de fútbol, baloncesto e tempo libre organizado pola Sociedade Deportiva e Cultural “Arrabaldo”, de balde, no mes de xullo. Polas mañás realizaranse actividades deportivas e pola tarde, outras lúdicas, acuáticas, sendeirismo, entre outras. Haberá 4 quendas dunha semana cada unha, durante o mes de xullo. Poderase escoller turno de mañá, tarde ou xornada completa.

 

9 de xuño de 2014 | 15:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.