O programa deportivo da Coruña ‘Este verán, atrévete’ ofrecerá 5.000 prazas en 226 actividades

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O concelleiro de Educación, Deportes e Mocidade, Francisco Mourelo, presentou esta mañá as actividades programadas polo Concello para este verán. Así, durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro, ofertaranse un total de 226 actividades entre campus, cursos, accións formativas ou eventos deportivos.

“Ofrecemos 226 oportunidades para gozar do verán, sen importar a idade nin o nivel deportivo; porque hai alternativas para todos os gustos”, explicou Mourelo, quen indicou que serán un total de 149 actividades e 77 eventos deportivos, entre os que destacan a Baixada Popular de Cros San Pedro de Visma do II Circuíto CoruñaCorre (29 de xuño); o Trofeo Internacional Cidade da Coruña, de Halterofilia (4 de xullo); Carreira Popular Ventorrillo, do II Circuíto CoruñaCorre (13 de xullo); Travesía a nado do Dique Barrié da Maza (25 de xullo); Torneo Internacional de Waterpolo Cidade da Coruña (28 de xullo); Teresa Herrera de Fútbol (agosto); Carreira Popular Volta a Oza do II Circuíto CoruñaCorre (10 de agosto), Derby Hípico (15 de agosto); LXXXIV Travesía a nado á Ensenada de San Amaro (31 de agosto); Skoda Triahlón Serie (31 de agosto); Volta Ciclista a España, 17ª etapa: Ortigueira – A Coruña (10 de setembro); ou a Carreira da Muller 2014 (21 de setembro).

Segundo explicou o concelleiro, ofertaranse 4.858 prazas, en máis de 60 instalacións ou espazos deportivos da cidade, e 46 modalidades deportivas diferentes: “Como en edicións anteriores, o principal obxectivo da programación de verán é que chegue ao maior número de persoas posible, polo que hai actividades destinadas ao público infantil, outras ao adulto e outras non terán límite de idade. Haberá opcións para todos os gustos e petos”, explicou Mourelo, quen engadiu: “Así, ofertamos deportes populares como xadrez, baloncesto, balonmán, ciclismo, fútbol e fútbol sala, natación, patinaxe, tenis e voleibol; outros con gran aceptación na cidade, como o hockey ou a hípica; disciplinas que nos últimos tempos experimentaron un aumento importante de participantes como o pádel, o automobilismo ou o tríatlon; e, por suposto, actividades náuticas como o mergullo, a fotografía submarina, a pesca submarina, o piragüismo, remo, salvamento e socorrismo ou vea”.

Nesta ocasión, a oferta para o verán recóllese baixo a lema Este verán, atrévete, “porque o deporte é a mellor forma para gozar, dunha forma saudable, das vacacións. Por este motivo, estamos a centrar o noso esforzo en animar aos coruñeses a que se sumen á práctica deportiva e xa se están recollendo os resultados en moitos dos eventos que se puxeron en marcha, como o circuíto de carreiras populares que cada día conta con máis participantes”, destacou o concelleiro de Deportes.

Francisco Mourelo lembrou que o Concello editará unha guía completa ordenada por modalidade deportiva e data de inicio e aproveitou a ocasión para agradecer a implicación das 68 entidades da cidade que participarán no programa: “O esforzo de asociacións, agrupacións, clubs, federacións, escolas ou centros deportivos, fai posible que podamos ofrecer este amplo calendario de actividades non só durante o verán, senón durante todo o ano. Este compromiso é necesario nunha cidade totalmente implicada co deporte, que conta con máis de 17.000 abonados nas Instalacións Deportivas Municipais e que aposta por achegar a práctica deportiva a todos os sectores da poboación”, explicou Mourelo e engadiu: “Así, máis do 10% dos eventos realizados son de participación popular e duplicouse o número de persoas que se apuntan a este tipo de iniciativas, pasando de 20.000 a 40.000. Ofrécense 3.216 prazas nas escolas deportivas; puxéronse en marcha programas como os Xogos Escolares; sen esquecernos da organización de grandes eventos como o maratón Coruña42, os partidos de baloncesto da selección española ou a Tall Ships Race”.

Os interesados en participar nalgunha das actividades que se ofrecen poderán realizar a inscrición a través da páxina web (www.coruna.es/deportes), nas instalacións da Cidade Deportiva de Riazor, Cidade Deportiva da Torre ou no Polideportivo Municipal do Barrio das Flores; desde hoxe e até o próximo 19 de xuño ás 14.00 horas, ou ben, dentro dos seus propios prazos e procedementos, directamente en cada entidade organizadora.

“En definitiva, unha oferta especialmente deseñada para os cidadáns, independentemente das súas condicións, gustos ou idades. Todo para cumprir co principal obxectivo desta Concellaría que non é outro que garantir unha oferta deportiva municipal universal”, concluíu o concelleiro.

10 de xuño de 2014 | 12:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.