O Programa de Saúde Integral da Fundación SHE completa o seu segundo ano de implantación con éxito

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseOurense
A-
A+

Mañá sábado, o Xardín Botánico de Montealegre acolle a clausura do segundo curso de Saúde Integral, SI, na que participarán todos os centros que implantaron este novo programa de investigación da saúde en nenos, creado polo cardiólogo Valentín Fuster.

Mañá está previsto que ás actividades programadas asistan uns 500 nenos, dos máis de 2200 que participaron este ano procedentes de 15 centros educativos. Unha mini carreira ou andaina, así como diversas atraccións e o sorteo de agasallos serán o prato forte dunha xornada que contará tamén coa participación dos profesores, os pais, empresas patrocinadoras e representantes das administracións colaboradoras. Serán 3 horas de diversión para os nenos, desde as 10:30 até as 13:30, (con saída de autobús gratuíto desde o Parque de San Lázaro ás 10) baixo a lema ‘SI! Move o teu corazón. Movéndonos pola saúde’.

Este acrónimo, SI, corresponde ao programa Saúde Integral, un proxecto implantado o pasado ano en Ourense con grandes expectativas de éxito tras o alcanzado en Madrid, Cataluña, Colombia e EEUU, únicos lugares onde está en marcha. As cifras corroboran este éxito, pois o número de alumnos participantes aumentou case nun milleiro, e a segunda edición contou cun gran número de empresas e entidades para o seu patrocinio (Coren, Grupo Cuevas, Augas de Sousas, Caldaria, Cefiasa, Fundación CEO, Concellaría de Educación e Consellería de Educación, entre outras).

No acto de clausura de mañá participarán, entre outros, o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, o alcalde da cidade e a concelleira de Educación, Agustín Fernández e Ana Garrido, ou o secretario da Fundación CEO, Jaime Pereira. A xornada finalizará co sorteo de agasallos e a foto de familia. Adquirir hábitos saudables a través dunha educación temperá é a filosofía básica deste programa que en Ourense se incorporou no desenvolvemento curricular dos cursos de infantil. Coa colaboración de profesores, directores de colexio e pais de alumnos, levouse a cabo un labor educativo e de sensibilización para que os nenos tomen conciencia da importancia de ter unha boa saúde a través da incorporación de hábitos que serán beneficiosos ao longo de toda a súa vida.

27 de xuño de 2014 | 18:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.