O proceso de adxudicación de 132 vivendas de promoción pública en Pontevedra comezará en xullo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedra
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Comisión Provincial de Vivenda de Pontevedra, iniciará o próximo 8 de xullo o procedemento para a adxudicación de 132 vivendas de promoción pública que se atopan en construción no polígono de Valdecorvos (Pontevedra). Participarán no sorteo das mesmas os que en dita data estean inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda o teñan presentada a súa solicitude de inscrición. Os interesados que aínda non solicitaran a inscrición en dito Rexistro poden facelo ata o día anterior.

A Comisión Provincial de Vivenda establecerá tamén a data en que se realizará o sorteo das vivendas, que será no mes de setembro, unha vez analizada a documentación. O sorteo realizarase por uns sistema de cupos no que se terá en conta o número de dormitorios de cada vivenda e a composición familiar, de maneira que as vivendas de maior superficie se adxudiquen ás familias máis numerosas. Tamén hai un cupo de seis vivendas adaptadas para o seu uso por persoas con mobilidade reducida.

As vivendas de Valdecorvos contan con:
1 dormitorio: 24 vivendas
2 dormitorios: 66 vivendas
3 dormitorios: 36 vivendas.
3 dormitorios, adaptadas: 6 vivendas

Todas contan con salón-comedor, cociña, baños, praza de garaxe e rocho.

Datos construtivos

Estrutura. Muros de contención, zapatas de cimentación, piares e xácenas de formigón armado. Forxados unidireccionais feitos in situ con bovedilla de formigón, salvo en plantas concretas que son de polistireno expandido. A estrutura da cuberta resolvese mediante estrutura lixeira de pórticos de aceiro ancorada ao forxado de solo da planta de rochos.

Fachadas. Confórmanse mediante panel de formigón armado de 10 centímetros, cámara de aire lixeiramente ventilada, seis centímetros de polistireno extruído e folla interior de ladrillo oco dobre de oito centímetros de espesor, enlucido con xeso pola cara interior.

Carpintería exterior. As fiestras son de aluminio lacado en cor con microapertura homologada para ventilación e con rotura da ponte térmica. Vidros dobres con cámara estanca, dispoñéndose persianas de aluminio lacado polo exterior para protección de vistas e soleamento. Os vidros baixos son laminados de seguridade.

Cuberta. Resolvese mediante panel sándwich de chapa lacada con alma de poliuretano de 6 centímetros de espesor, ancorado á estrutura antes descrita. Canles, baixantes e demais remates da cuberta de chapa de aluminio lacado.

Divisións interiores. As divisións interiores resólvense mediante fábrica de tixolo oco dobre
enlucido polas dúas caras. En separación entre vivendas dobre tabique de tixolo oco dobre apoiado sobre bandas de neopreno e la de roca no seu interior como illamento acústico.

Pavimentos. En plantas de soto pavimento de formigón pulido. Pavimento pétreo en portais e escaleiras. Nas vivendas utilizarase pavimento de baldosa de gres en todas as dependencias.

Revestimentos verticais. As plantas de soto van pintadas nalgúns paramentos, en outros quedarán vistos os muros de formigón; en vivendas enlucido e pintado, e falso teito de escaiola en locais húmidos.

Instalación de saneamento. Tubarias de PVC en baixantes e colectores horizontais ata o seu entronque coa rede exterior de saneamento.

Instalación eléctrica. Axustada ao réxime de baixa tensión. Preveuse, seguindo instrucións da compañía subministradora, a instalación dun transformador nun baixo do bloque B. A instalación dos aparellos da cociña será eléctrica.

Calefacción e auga quente. A produción da auga quente e da calefacción será mediante a instalación de dúas caldeiras de gas no soto-1, baixo o Bloque B, distribuíndose polo teito de garaxes ata cada un dos portais. Existe unha instalación de paneis solares na cuberta do bloque. Emisión calorífica en vivendas mediante radiadores de aluminio con sistema bitubular. Contadores individuais de auga quente e calefacción.

O investimento total previsto na construción destas 132 vivendas achégase aos 14 millóns de euros.

18 de xuño de 2014 | 19:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.