O presidente galego eloxia o traballo e figura de Juan Carlos I
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, eloxiou este luns dende Xapón, onde se encontra de viaxe oficial, a figura de don Juan Carlos I tras comunicar a súa decisión de abdicar e manifestou que confía en que o Príncipe Felipe será “un excelente” monarca.
Así, en declaracións feitas na Embaixada de España en Xapón, Núñez Feijóo agradeceu os 39 anos de traballo realizados por don Juan Carlos a favor da democracia en España. “Como calquera español, temos un dobre sentimento, un sentimento de nostalxia e de agradecemento e tamén un sentimento de optimismo e dunha enorme esperanza”, manifestou.
En primeiro lugar, o máximo mandatario autonómico puxo de relevo o “esforzo” de Juan Carlos I como “Rei da democracia e da monarquía constitucional” para facer de España “un país aberto, demócrata e moderno,”, ao que engadiu que tamén foi “un patriota que cumpriu co seu deber durante 39 anos”.
Nesta liña, reiterou que don Juan Carlos Marcará unha das páxinas “máis relevantes” da historia de España tanto por ser “o Rei da democracia” coma por ser “o Rei que tutela, forma e garante a continuidade da monarquía constitucional” na figura do Príncipe Felipe.
Sobre o futuro monarca, Feijóo sinalou que, probablemente, é “unha das persoas que mellor coñece o país e as institucións e que máis percorrido internacional ten na súa carreira”, e concluíu que fará un “extraordinario” papel como futuro Rei de España.
RELACIÓN CON GALICIA
Ademais, o xefe do Executivo galego recordou a “especial relación” que ten o Príncipe de Asturias coa Comunidade galega, un vínculo, segundo o mandatario autonómico, que se manifestou en numerosas ocasións, como proba que recentemente 2aceptó ser designado como primeiro embaixador do Xacobeo”, segundo sinala a Xunta.
“En consecuencia só podemos agradecer os 39 anos de traballo do Rei Juan Carlos I, o Rei da democracia española e tamén saudar, nos próximos meses, o futuro Rei de España, o Príncipe Felipe, Felipe VI Rei de España”, concluíu Feijóo.











