O presidente da Xunta asegura que en Santiago haberá un alcalde bo e sólido
O presidente da Xunta e líder do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, manifestou este martes que en Santiago de Compostela, tras o relevo de Ángel Currás por Agustín Hernández e un novo equipo de goberno, “vai haber un alcalde bo, sólido, dende o punto de vista de formación e xestión”.
Nunha entrevista en ‘Herrera en la Onda’ en Onda Cero, Feijóo comentou que “Santiago merece esta situación excepcional”. “Nós non imos montar algaradas a portas de xulgados nin pedimos indultos a concelleiros, aínda que sexan dun partido ou doutro. Podemos estar de acordo parcial ou totalmente e cumprimos as sentenzas e actuamos conforme ás regras do Estado democrático”, sostivo o mandatario galego.
Sobre o sucedido no Concello de Santiago, Feijóo recordou que unha sentenza xudicial considerou que sete concelleiros (do PP) prevaricaron por adoptar un acordo, que foi considerado “correcto” por técnicos e o concelleiro “supostamente beneficiario” (Adrián Varela, que dimitiu posteriormente) “renunciou ás 48 horas” a esa posible indemnización.
Así, sinalou que “un xuíz considerou que era un suposto de prevaricación e os sete concelleiros dimitiron” e outros dous de grupo de goberno tamén o fixeron. “Hai unha grave crise institucional. Ante isto, a proposta, despois de meditalo e despois de comentalo co alcalde, como o equipo sufrira unhas baixas excepcionais, con nove persoas que xa non conforman a corporación, o lóxico era abrir unha nova etapa”, defendeu. “Ante un problema e un suposto excepcional unha solución excepcional, dimitir o alcalde e proceder a elixir novo alcalde”, abundou.
“Veremos como queda o preito”, manifestou o tamén líder do PPdeG, que confirmou que todos os concelleiros “recorreron” esa decisión xudicial. Ademais, Feijóo precisou que “empezaron a saír acordos doutras corporacións” de distinta cor política, onde “se acordou e se pagaron honorarios por defensa” en xuízos, polo que sentenciou que “non é un feito excepcional en Santiago”.
En relación a iso, preguntado polo feito de que a fiscal da causa contra os edís do PP de Santiago fose colaboradora do exministro socialista de Xustiza Francisco Caamaño, Feijóo dixo que “cada un ten a súa propia opinión”. “Esta fiscal está a exercer e formulou nove anos de inhabilitación, sendo o delito máximo dez”, comentou.
“SORPRENDEU”
“Creo na Administración de Xustiza porque son demócrata, sei que as institucións teñen moitos defectos, pero non atopamos un sistema mellor que este. Imos protexer o que temos”, reivindicou. “Si, sorprendeunos a todos os que estudamos Dereito, a moitos concelleiros”, abundou en relación as sentencias condenatorias de sete edís compostelanos despois “do visto bo do secretario” ao acordo que os levou ao proceso xudicial.
“Sorprendeu a propios e estraños”, apostilou Núñez Feijóo, para concluír que “estas son as regras do xogo”. “Imos ver que acontece ante a Audiencia e outras instancias”, sentenciou.











