O presidente da Organización de Inspectores de Facenda imparte un taller na RdI de Arteixo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArteixo
A-
A+

A Rede de Innovación de Arteixo organiza mañá, xoves 12, dous novos talleres sectoriais para seguir ampliando o coñecemento e difundir a cultura innovadora entre os profesionais e veciños do municipio, así como de concellos limítrofes. As temáticas abordadas serán un asunto de interese xeral para as pemes e os emprendedores como son as vantaxes fiscais das actividades de I+D+i; ou a domótica e as oportunidades de innovación presentes e futuras que ofrece para o sector da construción.

Ás 12.25 horas dará comezo o taller experimental “A domótica e as oportunidades de innovación no sector da construción” moderado por Juan Manuel Torres, coordinador de Rede EcoXpert Noroeste-Schneider Electric. A actividade inclúe unha visita guiada vespertina (16.30 a 18.00 horas) á Aula Schneider do Centro Integrado de Formación Profesional Politécnico (CIFP) de Santiago. Alí, ademais de coñecer de primeira man as aplicacións máis innovadoras no campo da domótica, mostrarase un prototipo de vivenda intelixente.

Pola tarde, 18.25 horas, terá lugar o coloquio “Como aproveitar as vantaxes fiscais das actividades de I+D+i” dirixido por dous expertos. Son Julio Ransés Pérez Boga, presidente da Organización Profesional de Inspectores de Facenda do Estado; e Jean-Luc Lardy, senior manager de CTS-R&D Specialists e KPMG Abogados.

A inscrición nestas dúas actividades gratuítas pode realizarse no correo electrónico RedInnovacion_Arteixo@eoi.es, no teléfono 981 641 095 ou nos respectivos formularios online da web da Rede de Innovación de Arteixo, accesibles desde a sección Axenda http://www.eoi.es/fdi/arteixo/axenda.

A Rede de Innovación de Arteixo é unha iniciativa de apoio a emprendedores e empresas promovida polo Concello e a Escola de Organización Industrial (EOI), cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo. Toda a información sobre a RdI está dispoñible no site www.eoi.es/fdi/arteixo e nas redes sociais Facebook, Twitter e Linkedin.

11 de xuño de 2014 | 17:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.