O presidente da Deputación de Ourense afrontar con tranquilidade o xuízo do seu pai
O presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, dixo afrontar con “tranquilidade e normalidade” o xuízo do seu pai e antecesor no cargo, José Luis Baltar, que sentará toda a semana no banco dos acusados por un suposto delito continuado de prevaricación.
Baltar fillo respondeu a preguntas dos medios de comunicación sobre varias cuestións relacionadas coa Deputación e co partido que preside, o PP na provincia, dende que gañou o congreso celebrado en marzo de 2010, e que o xuíz de instrución e as acusacións populares vinculan coa contratación de 104 persoas con oito decretos asinados polo seu antecesor na institución provincial, entre xaneiro e marzo do mesmo ano.
Ao respecto, expresou o seu respecto polos “procedementos” e pasos procesuais da Xustiza, que determinan que esta semana teña lugar o xuízo. “Hai que seguir reivindicando a presunción de inocencia neste caso, como en calquera outro sometido aos órganos xurisdicionais e por suposto, respecto á administración de Xustiza e os seus técnicos,”, agregou.
A presunción de inocencia, segundo Baltar, é básica no Estado de dereito e dixo reivindicala para as diferentes persoas “que militan en varias formacións políticas”. “Así que deixemos actuar á Xustiza”, rematou.
Baltar explicou, ademais, o contido do cuarto informe do Observatorio Económico Ourensán, que presentou pola mañá no edificio cultural Marcos Valcárcel, con datos económicos da provincia de Ourense por bisbarras.











