O Polígono de San Cibrao acolleu unha xornada para novas empresas exportadoras

Almorzo empresarial no Polígono de San Cibrao
Dentro da súa programación para impulsar as exportacións ourensás, a Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas acolleu esta mañá unha nova xornada sobre comercio exterior, dedicada nesta ocasión ás empresas que están a piques de realizar as súas primeiras exportacións ou que contan aínda con escasa actividade internacional. O relator da sesión titulada “Crecer exportando, exportar para crecer” foi Miguel López Docampo, director de comercio exterior do Banco Sabadell Galego.
Na súa intervención, destacou as grandes vantaxes da exportación, que van desde a diversificación de riscos e a menor dependencia dos ciclos económicos, até o acceso a subvencións e liñas de organismos oficiais ‐citou as do ICO e as de Cofides‐ ou mesmo as vantaxes fiscais derivadas da actividade exterior.
Ademais, concretou que as exportacións de bens e servizos realizadas en 2013 polo conxunto da economía española alcanzaron unha equivalencia do 34% sobre o PIB nacional, e precisou que, sen a contribución do sector exterior, o PIB español habería sufrido o ano pasado unha caída adicional de 1,5 puntos porcentuais.
Na súa extensa análise de riscos, destacou a importancia dos contratos de compra‐venda, para asegurar o cumprimento das regras internacionais de comercio (Incoterms). Tamén profundou nos medios de pago internacionais, abordou prácticas como o factoring e detallou as claves para evitar alteracións como a falta de pagamentos, a cancelación de contratos, a falta de protección no transporte ou mesmo a inestabilidade dos tipos de cambio.
Pola súa banda, o presidente da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas, Elías Mera, defendeu na presentación da xornada o destacado papel que teñen as pemes ourensás, e particularmente as de San Cibrao, sobre o crecemento das exportacións ourensás. Así, lembrou que nos dous primeiros meses do ano as expedicións ourensás xa rexistraron un incremento do 7% no seu valor económico, en comparación co mesmo período de 2013.
Elías Mera asegurou que a exportación “deixou de ser un hábito dos grandes grupos empresariais e estendeuse, por imperativos da crise, ás pemes de numerosos sectores produtivos. E esa contribución das empresas intermedias e dos pequenos centros de traballo tamén está a tirar do sector exterior de Ourense”, destacou.
A xornada “Crecer exportando, exportar para crecer” enmárcase nas iniciativas que ten en marcha a Asociación de Empresarios de San Cibrao para prestar apoio aos seus asociados durante todas as fases da exportación, desde a solicitude de subvencións até o peche das expedicións comerciais. O compromiso deste colectivo empresarial coa dinamización do sector exterior ourensán resúmese nun dos seus proxectos máis ambiciosos, consistente na creación dun Gabinete de Apoio á Internacionalización.
A convocatoria desta mañá reuniu a quince empresarios, xerentes ou responsables de comercio exterior doutras tantas empresas e grupos con implantación no Polígono de San Cibrao das Viñas.











