O Plan Marco achega 38.000 euros ao Concello de Redondela para mellorar a estrada do Cruceiro

Bravo Bosh na visita ás obras
A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, acompañada polo alcalde da localidade, Javier Bas, e polo xefe territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar, Miguel Pérez Dubois, visitou esta mañá a estrada do Cruceiro, na zona de Cedeira, en Redondela, para comprobar as obras de mellora que se están a executar ao abeiro do Plan Marco de mellora de camiños de titularidade municipal da Consellería de Medio Rural e do Mar.
Coma explicou Bravo Bosch, o departamento que dirixe a conselleira Rosa Quintana resolveu a concesión da axuda solicitada polo Concello de Redondela ao abeiro do Plan Marco para executar a pavimentación da nova rede de saneamento e mellora de pluviais da estrada do Cruceiro, dende o cruzamento do camiño Albarronda ata o camiño da Condesa Torrecedeira.
O investimento subvencionable pola Administración autonómica é de 37.847 euros mentres que o goberno local faise cargo do pago do IVE. A obra conta cun prazo de execución de dous meses, co que se espera que estea rematada nas vindeiras semanas.
En definitiva, a través de distintos programas de axudas ao medio rural, o Concello de Redondela recibiu nos últimos anos preto de 188.000 euros para diversas actuacións en zonas rurais do municipio. Por poñer un exemplo, realizáronse melloras no barrio de Nogueira, camiño A Buraca ou no camiño Gándara, entre outros.
Preto de 600.000 euros para a área de Vigo
A través deste programa, a Xunta de Galicia destina preto de 600.000 euros (598.509,06) para levar a cabo ao redor de 30 actuacións en camiños e estradas rurais dos 14 concellos que forman parte da área territorial de Vigo.
O Plan Marco de mellora de camiños de titularidade municipal 2013-2014 ven a ser unha continuidade do anteriormente coñecido Programa Estratéxico de Infraestruturas do Medio Rural (PEIM) e lévase a cabo mediante axudas convocadas pola Axencia de Desenvolvemento Rural de Galicia (Agader) dirixidas ás entidades públicas locais. Deste xeito, as actuacións que se enmarcan neste programa teñen coma finalidade que a totalidade dos concellos de Galicia se beneficien da mellora das súas infraestruturas básicas incidindo na mellora da calidade de vida da súa poboación rural. O obxectivo é realizar actuacións de ampliación, mellora ou mantemento de camiños de titularidade municipal na procura de mellorar os accesos e a comunicación, permitindo incrementar a calidade de vida das zonas rurais e contribuíndo á fixación da poboación no rural e á diversificación económica.
Nos últimos anos, o investimento dedicado ás infraestruturas no eido rural para o ámbito da delegación territorial de Vigo achegouse aos 3 millóns de euros e as actuacións nos 14 concellos centráronse en mellorar as infraestruturas viarias, no acceso a explotacións, reposición de capa de rodaxe, adecuación de camiños e mellora de abastecementos de auga e saneamentos.











