O período voluntario do abono do IAE na Laracha será do 15 de setembro ao 20 de novembro
Desde o Concello da Laracha infórmase aos veciños que o Imposto Sobre Actividades Económicas (IAE) do presente ano 2014, cuxa xestión recadatoria corresponde á Axencia Tributaria, poderá abonarse, no período voluntario, entre o 15 de setembro e o 20 de novembro.
O lugar para efectuar o pagamento, tanto das cotas nacionais como das provinciais, será a través das entidades colaboradoras (Bancos, Caixas de Aforros e Cooperativas de crédito), nas que non é preciso que o pagador dispoña dunha conta aberta. Tamén poderá realizarse mediante adebedo en conta a través da Internet, na oficina virtual de pagamento de impostos da web www.agenciatributaria.es, para o que é necesario dispoñer dun sistema de firma electrónica.
A propia Axencia Tributaria comezará a remitir os correspondentes recibos aos contribuíntes a partir do día 1 de setembro.
O Concello da Laracha informa sobre este asunto para evitar que os veciños que deban abonar este imposto o fagan tras vencerse o período voluntario, data que determinará o inicio do período executivo e de devengo dos intereses de demora e dos recargos que se refiren ós artigos 26 e 28 da Lei da Axencia Tributaria.











