O Partido Popular confirma o seu respaldo aos presupostos de Vigo
O Grupo Municipal do PP en Vigo confirmou este xoves que dará o seu voto favorable no pleno que se celebrará este venres para a aprobación definitiva dos presupostos, tras o pacto alcanzado co PSOE de Abel Caballero, e constatou que grande parte dos acordos fixados nese pacto, se están a cumprir ou están en trámites de cumprirse.
Así o manifestou o voceiro do grupo, José Manuel Figueroa, quen recordou en rolda de prensa que o PP alcanzou “un acordo presupostario” co PSOE “por responsabilidade” e para impulsar “o Vigo que teremos nos próximos 20 anos”.
Tras repasar algunhas das condicións impostas dende as filas populares a Caballero para alcanzar ese acordo constatou que moitas delas estanse a cumprir, como a tramitación da cesión para os terreos da Cidade da Xustiza, a rebaixa fiscal, a reorganización da administración local ou o inicio do expediente para contratar un estudio á Universidade de Vigo sobre o recibo da auga.
“Este venres será un día importante. Por primeira vez, os dous partidos maioritarios de Vigo póñense de acordo para aprobar un presuposto”, subliñou, ao tempo que reiterou que o devandito acordo responde a unha “acción política” que ten por finalidade o progreso da cidade.
Non obstante, José Manuel Figueroa precisou que o seu grupo manterá a “vixilancia extrema” para garantir o cumprimento dos “acordos estratéxicos” marcados nese acordo presupostario.











