O parque empresarial do Carballiño mellora os seus viarios a través dunha subvención de Industria
A área de Traballo do concello do Carballiño, que dirixe a edil Teresa Cerdeira, confirmou a chegada dunha subvención procedente da consellería de Industria, a través dos fondos europeos, para melloras nos viarios do Parque Empresarial do Carballiño, por un importe de 118.000 euros.
Esta subvención destinarase, principalmente, á mellora das rotondas do citado parque empresarial, para adaptalas ao paso de vehículos de transporte de materiais especiais, permitindo o seu xiro completo. Ademais acondicionaranse viarios, como o de acceso norte, que enlaza coa estrada OU 204, onde se realizará a pavimentación e a canalización de pluviais en toda a súa extensión. Outra das accións que se executarán coa citada subvención será a reposición da zona de estacionamento de vehículos, próximo á zona do parque de bombeiros.
A edil Teresa Cerdeira lembraba que a zona industrial do Carballiño foi mellorada nos últimos meses grazas a accións subvencionadas e a accións directas do concello. Entre estas cabe destacar a instalación de cámaras de vixilancia, conectadas directamente coa Policía Local, ou a execución dunha acción de aforro enerxético en toda a zona do Parque Empresarial, investindo nestas melloras 180.000 euros.
Doutra banda o concello realiza de forma periódica traballos de limpeza e roza das zonas comúns “estamos a tentar crear unha zona empresarial máis humanizada, tecnoloxicamente avanzada, e con comunicacións adaptadas ás novas necesidades das empresas”.
Neste sentido cabe destacar a localización de tres compañías que ofertan servizos de internet a todos os empresarios situados no parque empresarial e o polígono industrial.
Todas estas melloras que estamos a realizar na nosa área industrial, apunta a concelleira, están a ver os seus froitos coa chegada de novas empresas ao mesmo, como foi o caso de Dizmar, cun importante volume de traballo e, por tanto, de contratación, que é en definitiva o que buscamos con estas accións, ofrecer cada día máis e mellores oportunidades laborais aos nosos veciños.











