O papel das asociacións de comerciantes impulsa o comercio de proximidade vigués

Sol Vázquez na presentación da campaña
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, salientou esta mañá en Vigo o importante papel que xogan as asociacións de comerciantes de Vigo no impulso ao comercio de proximidade da cidade.
Vázquez Abeal, que participou na inauguración da campaña de dinamización comercial Comercio na Rúa, posta en marcha polo centro comercial aberto das Travesas- Aetravi, subliñou que o apoio ao asociacionismo comercial é un dos eixos da estratexia específica da Consellería de Economía e Industria para mellorar a competitividade do comercio de proximidade, xunto co impulso ao emprendemento, a innovación, o relevo xeracional ou a potenciación das prazas de abastos.
A iniciativa “Comercio na Rúa”, que conta co apoio da Consellería de Economía e Industria, desenvolverase ata o 21 de xuño coa participación de en torno a 150 establecementos do barrio das Travesas.
Os negocios participantes darán aos clientes unha papeleta por cada compra que lles dará opción a participar nun sorteo que se celebrará o 21 de xuño no que se repartirán premios por un total de 3.000 euros. “Comercio na rúa” inclúe ademais un completo programa de actividades, entre as que se inclúen diferentes espectáculos, así como a celebración da Noite Encantada, o vindeiro 20 de xuño.











