O obradoiro Vista Alegre formará a 21 desempregados en carpintería e deseño de páxinas web
O Concello de Vilagarcía porá en marcha nos vindeiros meses a terceira edición do Obradoiro de Emprego Vista Alegre. O proxecto aprobado pola Consellería de Traballo e Benestar servirá para contratar a 21 desempregados que recibirán formación nas especialidades de carpintería e moble e confección e publicación de páxinas web.
A Xunta de Galicia comunicou ao Concello a concesión dunha subvención de 186.551 euros para financiar o proxecto do Obradoiro de Emprego Vista Alegre III, unha iniciativa que daría comezo en outono e que permitirá a contratación de 21 desempregados maiores de 18 anos durante un período de seis meses baixo a modalidade de contrato para a formación e o aprendizaxe que, ademais de formalos nunha profesión, lles permitirá dispor dun salario durante o período do proxecto.
Os alumnos distribuiríanse nas especialidades de Confección e publicación de páxinas web e na de Traballos de carpintería e moble, módulos solicitados en función dos nichos de emprego existentes na zona e as necesidades municipais.
Ademais de contar cunha boa saída laboral, os alumnos do módulo de carpintería e moble atenderán necesidades do Concello realizando traballos de elaboración e mantemento de mobiliario para a revalorización dos espazos públicos naturais e urbanos como o parque de Ravella, os de Carril e Vilaxoán, as zonas peonís do casco urbano, os espazos naturais e instalacións municipais.
Unha vez completados os trám ites administrativos, a concellería de Traballo e Benestar remitirá a súa oferta ao Servizo Público de Emprego (antigo INEM) que será quen seleccione entre a súa lista de demandantes de emprego aos candidatos que cumpran o perfil. Finalmente, os 21 alumnos serán seleccionados polo Concello.











