O obradoiro de emprego A Laracha-Arteixo comezará en setembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaArteixo
A-
A+

Na última sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, o Concello da Laracha aprobou a modificación do proxecto do obradoiro de emprego A Laracha-Arteixo: Colaborando polo emprego IIque se está a organizar co municipio veciño. O motivo do cambio no programa é adaptalo ao acordo de financiamento por parte da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, que achegará máis de 195.000 euros para o financiamento desta iniciativa.

Representantes dos gobernos locais e técnicos de ambos Concellos consensuaron que serán desenvolvidas dúas especialidades no marco deste obradoiro de emprego, centradas nos sectores profesionais dos servizos socioculturais á comunidade e das actividades físicas e deportivas. Tamén acordaron iniciar a actividade durante o próximo mes de setembro. Dado que a duración será de seis meses, o programa A Laracha-Arteixo: Colaborando polo emprego II estenderíase ata finais de febreiro ou principios de marzo de 2015.

En concreto, os módulos que se impartirán serán os referidos á dinamización de actividades de tempo libre educativo infantil e xuvenil e ás operacións auxiliares na organización de actividades e funcionamento de instalacións deportivas. En cada un deles haberá once alumnos-traballadores sendo, por tanto, vinte e dúas as persoas que terán a posibilidade de acceder a este programa de emprego e formación en sectores con posibilidades de inserción no mercado laboral.

Ademais, tamén serán contratadas cinco persoas que formarán a dirección, o grupo docente e o persoal de apoio do obradoiro de emprego.

En próximas datas enviarase a correspondente oferta pública de emprego ao INEM, que emitirá un listado de candidatos que se adapten ao perfil requirido. Por tanto, as persoas que desexen formar parte do proceso de selección dos alumnos-traballadores deben estar inscritas na súa oficina de emprego de referencia como demandantes de traballo e, ademais, como interesadas en participar en programas formativos como este obradoiro.

A excelente experiencia do anterior programa destas características promovido polos Concellos da Laracha e de Arteixo, por medio do que se formou a doce alumnos-traballadores na especialidade de atención sociosanitaria a persoas dependentes e a outros doce na montaxe de instalacións térmicas solares, permite a ambos gobernos locais continuar poñendo en marcha conxuntamente iniciativas que repercuten directamente na creación de postos de traballo e na mellora da empregabilidade dos veciños dos dous municipios que se atopan en situación de desemprego.

24 de xuño de 2014 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.