O Ministerio de Fomento mellorará o pavimento da N-550 na rúa Alfonso Senra de Ordes
O Ministerio de Fomento vén de aceptar as reclamacións formuladas pola Agrupación Socialista de Ordes e anuncia que mellorará o pavimento da N-550 na rúa Alfonso Senra. Unha actuación que está contemplada nun proxecto de reforzo de firmes xa redactado e que “se está adaptando con criterio de eficiencia”, segundo a resposta escrita do Goberno ao senador socialista Francisco Javier Losada de Aspiazu.
A pesar da evidente degradación do firme na N-550 ao seu paso por Ordes, en especial diante da Alameda, o Ministerio de Fomento insiste en que “su estado de conservación es correcto, al tratarse de un paviemento rígido, con mayor durabilidad en el tiempo” e se escuda na Rolda Leste para xustificar que o desvío do tráfico pesado xera menores deterioros no firme. O voceiro municipal do PSdeG-PSOE en Ordes, Xesús Pedreira, sinala que “estamos satisfeitos de que Fomento teña previsto mellorar o pavimento na Rúa Alfonso Senra, pero negar que as placas de cemento están separadas e que o firme está descompensado amosa un gran descoñecemento da situación sobre o terreo”.
Beirarrúas
Sen embargo, Pedreira Mirás bota en falta que Fomento “aínda non se pronunciara sobre a necesidade de remodelar as beirarrúas que bordean esta travesía, para que cumpran coa legalidade vixente e garantan a seguridade viaria tanto para o tráfico rodado como, especialmente, para os peóns”. Neste sentido, os socialistas ordenses aínda están á espera dunha resposta de Fomento á Proposición non de Lei rexistrada polos deputados socialistas Paloma Rodríguez e Miguel Cortizo en marzo de 2014. Unha proposta que conta co respaldo unánime do pleno municipal.
Xesús Pedreira lembra que “hai varios puntos da rúa Alfonso Senra onde os peóns se ven obrigados a baixarse á calzada da N-550 para poder circular, co perigo que iso supón para a súa seguridade. Un perigo que se incrementa no caso de que o viandante vaia en cadeira de rodas ou leve unha silla de nenos”. A situación é especialmente grave diante do número 143 da rúa Alfonso Senra e no tramo entre os números 122 e 133, que incumpren o establecido na Lei 1/1998, de 5 de maio, de Accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas, urbanísticas e da comunicación (Artigos 9 e 10).
Outras melloras
Por outra banda, os socialistas ordenses presentarán na sesión plenaria deste xoves unha batería de propostas de mellora da rede viaria ordense. Así, pedirán o pintado da estrada entre o cruce de Vilasuso-Bean e o límite de Oroso (dirección Deixebre), aglomerada no seu día a petición dos socialistas ordenses pero que aínda está sen pintar no seu tramo de Ordes. Así mesmo, os socialistas pedirán o desbroce doutra pista próxima, que vai dende a estrada de Vilasuso a Deixebre e a Casas do Monte (Bean), que leva dous anos sen desbrozar e fai que a circulación sexa máis complicada.
Por último, os socialistas faranse eco das reclamacións dos veciños das parroquias de Poulo e de Pereira e solicitaranlle ao Concello o incremento da sinalización vertical e horizontal no cruce entre a CP-3802 Ordes-Pontecarreira e a estrada que vai de Poulo a Pereira, no lugar de Carballo.











