O IGVS sorteará as 54 vivendas de promoción pública en Ourense o vindeiro 25 de xuño
O Instituto Galego da Vivenda e Solo iniciou o procedemento para a adxudicación de 52 vivendas que está a construír no barrio de Covadonga, na cidade de Ourense.
As vivendas serán adxudicadas por sorteo entre os inscritos ou anotados no Rexistro de Demandantes á data 21 de xuño de 2014, polo que os interesados que non estean inscritos aínda poden solicitar a inscrición. O sorteo das vivendas realizarase o día 25 de xuño.
As vivendas adxudicaranse en compravenda ou arrendamento. É obrigatoria a adxudicación en réxime de alugueiro cando os ingresos ponderados non superan 1,5 veces o Iprem.
Características da promoción
Trátase dunha promoción de 52 vivendas de promoción pública distribuídas en dous bloques sobre unha planta corrida baixo rasante dedicada a rochos e garaxes con acceso común. As edificacións teñen 5 plantas en altura sobre rasante (B+IV).
> 52 vivendas, con superficie útil entre 62,03 e 78,88 metros cadrados.
– 24 vivendas de 2 dormitorios
– 22 vivendas de 3 dormitorios (dúas adaptadas para o uso por persoas con mobilidade reducida.
– 6 vivendas de 4 dormitorios.
> 65 prazas de garaxe.
> 52 rochos.
> 1 local e dependencias parroquiais para cesión ao Bispado de Ourense (que cedeu o solar para a construción a cambio de ditos locais), superficie útil total de locais de 744,32 m2 e superficie total construída de 862,60 m2.
Memoria construtiva
Pechamentos: Os cerramentos exteriores son fachadas ventiladas, con acabado de paneis de chapa minionda de aluminio.
Cuberta: Cuberta plana transitable, con acabado de impermeabilización e protección das mesma.
Carpintería: Exterior de aluminio lacado con rotura de ponte térmica, e acristalada con dobre vidro, e protección solar mediante viseiras fixas horizontais e verticais. Interior de madeira vernizada.
Instalacións
Auga e saneamento.
Electricidade.
Protección contra incendios.
Antena individual
Calefacción e auga quente mediante caldeiras comunitarias a gas e aporte de auga quente solar.
Extracción mecánica.
Sistema de recollida de augas grises para uso de rego das zonas verdes.
Revestimentos interiores
Solos: baldosa de gres en tendais, baños, corredores, salón e cociñas; pavimento sintético con fibra de madeira tipo Viroc no resto das pezas.
Paredes: azulexado ata o teito en baños, tendais e cociñas. Pintura plástica nas restantes pezas.
Actualmente as obras están executadas nun 77 por cento. O investimento total previsto, incluídas as obras de urbanización do entorno, é de 7,3 millóns de euros.
Outras promocións
O IGVS adxudicará tamén a través do Rexistro de Demandantes 27 vivendas de promoción pública que están en construción no concello de Vilamarín e 11 adquiridas a Xestur no de Carballeda de Avia, inda que o procedemento aínda non se iniciou en ningún dos dous casos.
O sorteo destas vivendas realizarase entre os inscritos no Rexistro de Demandantes na data que fixe a resolución de inicio do procedemento de adxudicación, polo que os interesados en ditas vivendas están a tempo de inscribirse en dito Rexistro.











