O grupo Glitter achega a música a noite do venres en Cangas
Un venres máis a noite canguesa énchese de música grazas a programación do Directo Xove 2014 que mañá venres conta coa actuación do grupo Glitter no Salasón a partir das 23.00 horas.
Esta banda, composta por Irene( guitarra e voz), Noelia ( guitarra), Laura ( baixo) e Paula( batería) nace fai 4 anos grazas a idea do seu profesor de guitarra de formar pequenos grupos entre os alumnos da Escola Municipal de Música “Mestre Inocentes Camaño”. As compoñentes deste grupo contan cunha ampla formación musical xa que levan tomando clases dende cativas e desde os 4 e 5 anos en música decidiron dedicarse soamente ao seu instrumento. Grazas aos ensaios nas clases de “ combo” comezaron a versionar cancións actuais e de antes dando lugar ao seu propio estilo.
Tras tocar un par de cancións nos festivais e audicións da escola de música e nalgunha gala, queren atreverse co Directo Xove.
Os interesados/as en coñecer de primeira man o traballo de “Glitter” poderán facelo mañá venres a partir das 23.00 horas no Salasón polo prezo de 3€ que serán integramente para a banda.











