O grupo de teatro Oquetiqueiras de Narón representa “Raíñas” no Centro Cívico de Caranza
A programación de xuño do ciclo de teatro afeccionado “Domingos a Escena, da Concellería de Cultura do Concello de Ferrol, continúa este domingo día 15 coa actuación do Grupo de Teatro “Oquetiqueiras” de Narón. A obra “Raíñas” dará comezo ás 19:00 horas no Centro Cívico de Caranza e será gratuíta.
¿Que teñen en común unha ama de casa, unha sexoservidora e unha intelectual? Que son mulleres, que sofren, que non se conforman, que queren cambiar as súas vidas… a través da súa catarsis persoal asistimos a unha divertidísima crítica social, máis intrigante que “Mulleres Desesperadas”, máis atrevida que “Sexo en Nova York” e moito máis irreverente que “Mulleres ao borde dun ataque de nervios”. A comedia está dirixida por Luis González Ramos.











