O Grupo de Acción Costeira Ría de Pontevedra participa na campaña Come o Mar
O Grupo de Acción Costeira Ría de Pontevedra participa na campaña Come o Mar que de xeito conxunto se está a organizar entre todos os grupos de Acción Costeira de Galicia para a promoción do turismo mariñeiro.
Nesta campaña durante todo o mes de xuño ofertaranse menús mariñeiros nos restaurantes da zona adheridos ao programa; ademais ofértanse tamén actividades complementarias relacionadas coa cultura mariñeira como as visitas ao Museo Massó ou as visitas guiadas na vila mariñeira de Portonovo ou a oferta da empresa Servinauta de percorridos mariñeiros pola Ría con saída en Sanxenxo e que permiten un paseo en barco ben polo interior da ría ou ben cara as Illas do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Toda a oferta de actividades pode consultarse na páxina web de Mar Galaica e a través de Facebook e Twitter pode recibirse información puntual de todos os eventos e participar en sorteos.
Os establecementos de hostalería que a día de hoxe confirmaron a súa participación na campaña están repartidos entre os catro concellos do territorio do GAC Ría de Pontevedra e son: A Taberna do Varadoiro, Taberna Arca, Restaurante Carmen, Taberna Lilaina e Bar Berberecho en Sanxenxo. En Poio, participa a Taberna O Bocoi. En Marín o Restaurante El Kloster ofrecerá menú mariñeiro selección con degustación de catro platos diferentes con produtos do mar. Pola súa parte, A Lonja Vella ofrece un menú mariñeiro por 18 € cun plato estrela de lenguado. En Bueu, Casa Quintela apuntouse tamén este ano cos dous menús (normal e selección) e o Souto Gastrobar estréase cunha tapa mariñeira. Moitos destes restaurantes ofrecen tamén unha tapa mariñeira e para os máis cativos teñen un menú infantil a 8,5 €.
Como complemento a estas actividades, o Grupo de Acción Costeira organiza tamén actividades de cociña á beira do mar. Durante os fins de semana deste mes, nas prazas de abastos do territorio realizaranse actividades de promoción do consumo de peixes e mariscos da zona ofrecendo novas preparacións que serán realizadas polo cociñeiro Fran Sotelino que xa na presentación oficial da campaña en Santiago sorprendeu coa súa receita de chourizo de xurelo. O calendario previsto é o seguinte:
Venres 6: Praza de abastos de Bueu as 11:00 horas
Sábado 7: Praza de abastos de Marín ás 11:00 horas
Sábado 14: Praza de abastos de Sanxenxo ás 11:00 horas
Sábado 21: Praza de abastos de Portonovo ás 11:00 horas
Sábado 28: Praza da Chousa en Combarro ás 11:00 horas
Estes proxectos desenvólvense ao abeiro do programa de axudas que xestiona o grupo como entidade colaboradora da Consellería do Medio Rural e do Mar e co Fondo Europeo da Pesca que financia ao 75 % todas as actividades.











