O goberno vigués valida os proxectos para humanizar o entorno de Churruca
O alcalde informou este venres da aprobación, adoptada na Xunta de Goberno Local, dos proxectos de obras de reforma das rúas Iglesias Esponda, Martín Códax, Irmandiños e Calexón Rogelio Abalde, no entorno de Churruca, por importe superior ao medio millón de euros.
Abel Caballero deu conta esta mañá dos principais asuntos abordados pola Xunta de Goberno Local, entre os que salientou o visto bo aos proxectos de humanización do entorno de Churruca, por importe de 528.000 euros.
Cun prazo de execución das obras de 6 meses, o Concello de Vigo acometerá nas nomeadas rúas a renovación das redes de saneamento, abastecemento e alumeado, soterrando ésta última e incorporando iluminación enerxéticamente eficiente. En superficie, a renovación incorporará os elementos tradicionais das humanizacións municipais, con beirarrúas de granito e máis verde.
Por outra banda, o goberno local tamén validou o proxecto de convenio coa Asociación de Mulleres Dorna, para o financiamento -con máis de 17.000 euros- do programa “Punto Informa”, en Coia, e a realización dun concurso nos centros de ensino do barrio sobre violencia de xénero.
A este respecto, Caballero recordou que o goberno local sufraga case exclusivamente as actividades da Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos e o Concello conta cunha rede de servizos e recursos específicos para mulleres, como o Centro Municipal de Información dos Dereitos da Muller e a Rede Municipal de Acollemento, conformada por un centro de emerxencia e tres vivendas de protección.
Xerencia de Urbanismo
Antes da celebración da Xunta de Goberno Local, a Xerencia deu conta da concesión de 12 licenzas de obras e 2 de actividad para un investimento total de 217.000 euros. Salientou Caballero a autorización concedida para a rehabilitación da igrexa de Santiago de Vigo, en García Barbón.











