O goberno de Vilagarcía pretende contratar a 25 beneficiarios da Risga para favorecer a súa inclusión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O Concello de Vilagarcía pretende colaborar co colectivos de persoas máis necesitadas mediante a contratación de 25 beneficiarios da Renda de Integración Social. A Xunta local de Goberno aprobou hoxe solicitar á Xunta de Galicia a súa adhesión ao programa que acaba de convocar a Consellería de Traballo e Benestar para empregar durante 9 meses a persoas en risco de exclusión.

Ao abeiro desta convocatoria, o Concello de Vilagarcía solicita unha subvención de 213.514 euros á que a administración local deberá achegar 4.110 euros máis para financiar a contratación destas 25 persoas.

No Concello de Vilagarcía existen nestes momentos 240 perceptores da renda de Integración Social. Trátase dun colectivo moi desfavorecido e en risco de exclusión debido a que carecen de emprego, esgotaron todas as prestacións sociais, carecen de calquera outro ingresos aparte da Risga e mesmo de apoio familiar para poder afrontar a subsistencia diaria.

Conscientes da situación destas persoas, a Concellería de Traballo e Benestar non quere perder a oportunidade que ofrece a Concellería. O obxectivo é poder axudar ao maior número de persoas deste sensible colectivo, polo que aínda que as bases da convocatoria fixan un cupo máximo de 20 contratacións para concellos de máis de 20.000 habitantes, Vilagarcía solicita axuda para empregar a 25 por si quedaran vacantes noutros municipios, comprometéndose a aportar a parte financiamento que lle corresponda.

A proposta da Concellería de Traballo e Benestar plantea a contratación de 17 peóns para a área de Conservación, Rehabilitación e Acondicionamento de Infraestruturas municipais e Espazos Medio Ambientais. Os postos divíndense en 6 peóns de construcción, 6 de conservación de parques urbanos, xardíns históricos e botánicos e 5 peóns axudantes de mantedor de edificios.

Tamén se solicitan 3 traballadores na área de Colaboración na Seguridade das Persoas que realizarán funcións de axudante técnico de Protección civil co obxectivo de reforzar o servizo de vixilancia nas praias.
Para a Biblioteca solicítase un auxiliar, ademais de 4 auxiliares administrativos .

Os contratos terán unha duración de 9 meses baixo a modalidade de tempo parcial a 30 horas semanais. A selección dos candidatos farase en base aos criterios que establece a orde da Consellería de Traballo e Benestar.

20 de xuño de 2014 | 12:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.